Inicio Galicia Os VI Premios Emprende Gaiás Sixto Seco distinguen a proxectos que reinventan...

Os VI Premios Emprende Gaiás Sixto Seco distinguen a proxectos que reinventan produtos tradicionais e dan voz ás mulleres

0

Gaita Galega MIDI, Boina Galega e a plataforma Minervas Voice son os vencedores dos galardóns impulsados pola Fundación Cidade da Cultura, co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape

A Cidade da Cultura entregou esta tarde os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco ás mellores ideas emprendedoras do ano no sector das industrias culturais e creativas. Nesta edición, o xurado decidiu premiar unha iniciativa para dar visibilidade á loita pola igualdade de xénero e dous proxectos que actualizan, a través do deseño e da tecnoloxía, elementos tradicionais da cultura galega. Os galardóns, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contan co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape.

Os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco entregáronse esta tarde no Museo Centro Gaiás, nun acto que contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, do director xerente de AFundación, Pedro Otero e do xerente de Igape Nova, Guillermo Viña. Ademais, a escritura e divulgadora Elsa Punset, referencia internacional no eido da intelixencia emocional, puxo o broche final á gala cunha charla inspiradora sobre como estimular a creatividade.

Produto galego modernoA artesá Sandra Vilas é a promotora de Boina Galega, idea que resultou vencedora na modalidade de proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica. A súa intención é poñer no mercado a primeira “boina galega do século XXI”, reinterpretando os modelos tradicionais con materiais de alta calidade e modernizando a produción, xa que na actualidade non hai empresas dedicadas á súa fabricación. Ademais de promover a recuperación dun produto culturalmente simbólico para Galicia, Sandra Vilas quere proxectar a súa boina galega no mundo cun modelo de negocio que inclúe clientes a nivel internacional.

Na outra modalidade a concurso, a de proxectos en internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural, o xurado decidiu outorgar dous premios en igualdade a Gaita Galega MIDI e a Minervas Voice.

O primeiro é unha idea do músico e enxeñeiro informático lugués Alejo Pacín Jul, que quere fabricar a primeira gaita electrónica, baseada en software e hardware libre, que ofreza unha simulación, o máis fiel posible, do son da gaita galega. A día de hoxe non existe ningún produto que cumpra as esixencias dos usuarios, asegura Alejo Pacín, pero el aspira a conseguilo coa colaboración de Luis Latas Vilanova, artesán gaiteiro, e Pepe Vaamonde Manteiga, gaiteiro profesional de recoñecido prestixio.

Por outro lado, Minervas Voice é unha plataforma web de contidos que reunirá información, investigación, documentación e producións audiovisuais que promovan a igualdade de xénero e a exemplaridade daquelas mulleres consideradas inspiradoras ao longo da historia. O proxecto contempla tamén a realización de experiencias de realidade aumentada para introducir ao usuario na historia das mulleres. Detrás de Minervas Voice están María Ignacia Cevallos, produtora audiovisual con ampla experiencia e fundadora de Zenit Televisión, e todo un equipo de profesionais con formación en innovación e xestión empresarial, publicidade, enxeñería informática e finanzas.

Apoio económico e acompañamento expertoA través dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia apostan por apoiar os emprendedores e emprendedoras galegos desde que dan os seus primeiros pasos. Un apoio que se materializa non só na achega económica dos galardóns, senón tamén no acompañamento e asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo dos novos emprendedores.

Cada proxecto galardoado recibirá un premio en metálico –3.000 euros para cada modalidade, que se repartirá por igual no caso dos dous vencedores da categoría tecnolóxica– e a posibilidade de incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

Os emprendedores e emprendedoras disporán no coworking do Gaiás dun espazo de traballo para lanzar os seus proxectos, beneficiándose dun ambiente de traballo innovador e cooperativo e dun programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para transformar as súas ideas en empresas sostibles e competitivas.

Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de catorce proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales seguen a día de hoxe como empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.


- Te recomendamos -