As accións e melloras aprobadas hoxe foron ofrecidas e rexeitadas polos representantes da Xunta de persoal do persoal estatutario da Fundación
O Padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aprobou hoxe, logo dos preceptivos informes legalmente establecidos, o acordo asinado polo representante do persoal laboral da Fundación e a Administración Sanitaria, no que se regulan as accións vinculadas ao traslado do centro de traballo ao Centro integral de atención ás emerxencias (CIAE) situado no concello da Estrada. Trátase do mesmo acordo acadado co persoal do 112. O cambio do centro de traballo levarase a efecto con data 1 de outubro de 2018, agás que sobreveñan situacións excepcionais que impidan a súa realización na data establecida.
O cambio dos centros de traballo da Central de Coordinación e da dirección e os servizos administrativos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Santiago de Compostela ao edificio do CIAE na Estrada non suporá a integración orgánica nin funcional do persoal da Fundación na Axencia Galega de Emerxencias 112 e tampouco implicará en ningún caso a amortización das prazas de cadro tanto do persoal sanitario como do persoal de xestión e servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A Administración sanitaria quere subliñar que as accións e melloras aprobadas hoxe no acordo aceptado polo persoal laboral da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (pertencente na súa totalidade á categoría de persoal de xestión e servizos) foron ofrecidas e rexeitadas polos representantes da Xunta de persoal do persoal estatutario da Fundación (composto maioritariamente por facultativos e enfermeiros). De maneira que tras varios meses de negociación non foi posible alcanzar un acordo entre as partes.
Compensación de 140 euros mensuaisAsí, o persoal laboral que preste servizos en Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e resulte afectado polo traslado do centro de traballo terá dereito a percibir, como compensación dos gastos e do desprazamento, unha contía mensual, considerable e non absorbible, de 140 euros que se percibirá en doce mensualidades. Tamén terá dereito a desfrutar de dous festivos locais en cada ano, sendo da elección do traballador o goce dos días sinalados con ese carácter no concello da Estrada ou no concello de Santiago, supeditados ás necesidades do servizo.
Ademais, por proposta da Administración sanitaria, o persoal laboral da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 inclúese no ámbito da aplicación da carreira profesional ordinaria do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, consonte as bases aprobadas na Mesa Sectorial de Negociación o 6 de xullo de 2018.
Coa finalidade de conseguir unha maior conciliación da vida familiar e persoal, esténdese a aplicación ao persoal laboral que presta servizos en Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o réxime de permisos, vacacións e licencias de aplicación ao persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Resposta integral ás emerxenciasO edificio do Centro integral de atención ás emerxencias (CIAE) da Estrada dispón das instalacións e os recursos materiais e técnicos necesarios para prestar unha resposta integral ás emerxencias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste edificio encóntrase desenvolvendo as súas funcións o 112 con competencia na atención ás emerxencias e no edificio anexo desenvolve as súas funcións a Academia galega de seguridade pública (Agasp). A partir do mes de outubro, coa incorporación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conseguirase unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e as actividades de formación no eido das emerxencias, así como aproveitar as sinerxías entre os ditos organismos.
Ademais, as instalacións do CIAE dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias que permitan ofrecer á cidadanía unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades á hora de determinar que recursos deben intervir en cada situación de emerxencia.
- Te recomendamos -