Os directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias apoiaron coa súa presenza ás 12 empresas galegas que participan nesta edición
Os produtos galegos da horta están presentes na feira Fruit Attraction de Madrid da man da Consellería do Medio Rural, co fin de promocionar estes produtos de gran calidade e poder ampliar os mercados de exportación a nivel nacional e internacional. E precisamente para apoiar ás empresas participantes, os directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trasladáronse á capital para achegarse a esta décima edición do certame.
En total son 12 as empresas que participan nesta feira no stand institucional de Galicia de 128 metros cadrados, o dobre de industrias que se achegaron o pasado ano. Este incremento débese ao éxito acadado na anterior convocatoria, que contou cun total de 1.600 empresas expositoras e 70.000 profesionais de 120 países. “A través deste certame damos a coñecer os produtos de gran calidade que temos nun sector fundamental para a economía galega como é a agricultura”, destacou o director da Agacal, quen sinalou que a promoción dos produtos é vital para chegar a novos mercados e consolidar así o prestixio da gastronomía galega. Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias lembrou que a consellería está traballando na posta en marcha do selo de calidade Horta de Galicia, que amparará todas estas producións na nosa comunidade e evitará desta forma posibles enganos ao consumidor sobre a orixe do produto.
Empresas participantesNesta décima edición de Fruit Attraction participan un total de 12 empresas galegas xunto cos consellos reguladores de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e das indicacións xeográficas protexidas Castaña de Galicia e Pataca de Galicia. Así, está presente a industria Val do Traba (Noia), especializada en sidras e doces de froitas, así como hortalizas, algas e licores; e Porto Muíños (Cerceda) que tamén está especializada en algas e vexetais de costa.
A empresa Froitas do Rosal, do concello homónimo, produce mirabel fresco e produtos transformados bio, mentres que as sociedades Horsal SCG (Cambados), Hortícolas Galegas (Xinzo de Limia), Hortoverín (Oímbra) e Legufrut Agro (San Cibrao das Viñas) se dedican ao cultivo de todo tipo de produtos hortícolas. Tamén participa Patatas Conde (Xinzo de Limia), que produce patacas para consumo fresco e industria.
- Te recomendamos -