Inicio Galicia Os peiraos galegos rexistraron un 9% máis de embarcacións en tránsito no...

Os peiraos galegos rexistraron un 9% máis de embarcacións en tránsito no primeiro semestre deste ano

0

Nos seis primeiros meses de 2018 os portos autonómicos recibiron máis de 2.500 barcos en tránsito fronte aos máis de 2.400 do mesmo período do ano pasado

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe na Coruña a consolidación da actividade náutico-deportiva e recreativa en Galicia, onde os portos autonómicos rexistraron no primeiro semestre deste ano máis de 2.500 embarcacións en tránsito, un 9% máis que no mesmo período do ano anterior, no que se recibiron máis de 2.400 barcos en tránsito. Así o sinalou durante a xornada O norte de España, oportunidade única para o crecemento da náutica de recreo, organizada por NorthMarinas e a Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN), coa colaboración do Porto da Coruña.

Alí tamén expuxo que durante os últimos oito anos Galicia pasou de recibir unha media anual de 4.000 barcos en tránsito a superar os 9.000 no ano 2017. Neste sentido, a conselleira explicou que esta actividade se adapta ao aumento da demanda e que “responde con solvencia”. De feito, sinalou, Galicia dispón de máis de 12.000 amarres, “unha cifra en constante crecemento pola continua construción de atraques”, subliñou.

Ademais Rosa Quintana explicou que o crecemento da actividade náutico-deportiva se debeu a dous motivos fundamentais. Un deles, expuxo, é o “amplo abano de posibilidades comerciais e deportivas que ofrecen os nosos portos”. O outro motivo é a oportunidade económica que supón a diversificación da actividade marítima para as localidades costeiras. Un todo que convirte a Galicia “nun punto de referencia no norte español e que reforza o forte poder de atracción da nosa costa como destino”, salientou a conselleira.

Estas cifras reflicten a importancia desta actividade, de aí que a captación de novos tránsitos sexa unha liña de traballo estrutural da Xunta a través do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020. Un traballo, explicou a titular de Mar, que conta coa colaboración de Turismo de Galicia e que é froito do consenso cos responsables das principais instalacións náutico-recreativas, cos 122 portos de titularidade autonómica e os cinco de titularidade estatal. Este plan ten como obxectivo, ademais de captar novos tránsitos, rendibilizar a presenza de Galicia nos salóns náuticos máis importantes do mundo como La Rochelle, Southhampton ou Dusseldorf, engadiu.

Por último, Rosa Quintana, agradeceu ao Grupo NorthMarinas e a ANEN todo o traballo que viñeron desenvolvendo desde a súa constitución. Agradeceu especialmente a iniciativa Navega o Camiño, a nova forma de facer o Camiño de Santiago desde o mar que conta coa aprobación do Arzobispado de Santiago.

A xornadaA xornada O norte de España, oportunidade única para o crecemento da náutica de recreo ten como obxectivo visibilizar as oportunidades que ofrece esta actividade no norte de España. Nela presentouse a iniciativa Travesía 2019 –Sail the Way, no marco da iniciativa Navega o Camiño.


- Te recomendamos -