Mediante esta actividade, pretenden obter unha visión global e integrada do sistema de atención, tratamento e xestión das chamadas de emerxencias que se reciben no CIAE-112 Galicia
Un grupo de militares da Brilat VII de Pontevedra, que están recibindo formación para alcanzar a certificación de profesionalidade en materia de transporte sanitario e atención a múltiples vítimas, visitaron esta mañá as instalacións do CIAE-112 Galicia para obter unha visión integrada e global da xestión, tratamento e atención das chamadas de emerxencias que se reciben no CIAE 112 Galicia.
Ademais, co fin de ampliar o seu coñecemento sobre as funcións, medios e recursos de actuación da Axencia Galega de Emerxencias, percorreron o hangar do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) e tiveron a oportunidade de observar e analizar o seu material de intervención, que permite ofrecer unha resposta especializada ante situacións de emerxencia grave e/ou catástrofe.
Do mesmo xeito, os 40 participantes da visita aproveitaron a situación do CIAE e GALI no recinto da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada (AGASP) para visitar estas instalacións e achegarse, da man do Director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, ao traballo formativo que desenvolve. Así, os visitantes puideron ser testemuñas dun mesmo espazo onde se integra a atención, a xestión e a formación en emerxencias.
- Te recomendamos -