Inicio Galicia Os incentivos da Xunta impulsaron a adxudicación de 140.000 metros cadrados de...

Os incentivos da Xunta impulsaron a adxudicación de 140.000 metros cadrados de solo empresarial na provincia de Ourense con bonificacións de máis de 4,5 millóns de euros

0

A conselleira salienta a incidencia positiva do Plan de dinamización do solo empresarial na Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, onde só quedan 3 parcelas por vender

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que os incentivos incluídos no Plan de dinamización do solo empresarial de Galicia activado pola Xunta impulsou, desde o ano 2015, a adxudicación de 140.000 metros cadrados de superficie en polígonos da provincia de Ourense.“Desde o ano 2015 o solo empresarial da Xunta en Ourense véndese á metade de prezo”, lembrou a conselleira no acto de inicio das obras das novas instalacións e centro loxístico do Grupo Cuevas, que adquiriu a prezo bonificado unha parcela de 32.000 metros cadrados na Central de Transportes de San Cibrao das Viñas.

Ethel Vázquez, que estivo acompañada da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou o interese da Xunta por facilitar novos investimentos e nova actividade económica e xeración de emprego. Ese obxectivo, apuntou, foi o que motivou a activación a comezos de 2015 do Plan de dinamización do solo empresarial de Galicia.

Explicou que con esa ferramenta puxéronse á disposición dos empresarios novas fórmulas de acceso ao solo, entre as que destaca o dereito de superficie, unha especie de alugueiro a prezo reducido con dereito a compra, que representa unha fórmula interesante para reducir os riscos aos que se ven obrigados os empresarios.

A conselleira chamou especialmente a atención sobre as importantes bonificacións sobre os prezos de venda do solo empresarial que foron do 30% con carácter xeral pero que se levaron ata o 50% en zonas como a provincia de Ourense, nas que a Xunta entende que cómpre dar un maior impulso para aproveitar as oportunidades de desenvolvemento.

Esas bonificacións da metade do prezo do solo na provincia de Ourense permitiu a adxudicación dos 140.000 metros cadrados que, na práctica, supoñen un investimento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda en Ourense de 4,5 millóns de euros. Trátase, afirmou a conselleira, “dun importante impulso económico á provincia pola creación de emprego e o dinamismo económico achegado”.

Ethel Vázquez destacou a positiva incidencia desa política de incentivos na Central de Transportes de San Cibrao das Viñas onde, tras a adquisición do Grupo Cuevas, só restan 3 parcelas por vender.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda mostrouse convencida de que ese gran esforzo financeiro e de xestión administrativa pagou a pena, e puxo como proba a importante aposta asinada polo Grupo Cuevas coa ampliación das súas instalacións en San Cibrao das Viñas.

Asegurou que o Goberno galego é consciente de que San Cibrao das Viñas é unha das maiores áreas comerciais de Galicia e por ese motivo o seu compromiso de apoio ás empresas que operan aí vai máis alá dos incentivos ao solo empresarial.

A ese respecto, referiuse á nova conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa Autovía das Rías Baixas, a A-52, que se atopa actualmente en plena execución grazas a un investimento da Xunta de Galicia de preto de 22 millóns de euros.

Será, lembrou, unha vía de novo trazado de 4,5 quilómetros de lonxitude, deseñada cos parámetros máis exixentes -carrís anchos, beiravías amplas e terceiro carril no 50% do percorrido-, que permitirá reducir en ata o 60% a distancia entre o Polígono e a Autovía das Rías Baixas e coa de Ourense-Celanova. 


- Te recomendamos -