Inicio Galicia Os fogares galegos aforraron 83 millóns de euros en 2017 grazas á...

Os fogares galegos aforraron 83 millóns de euros en 2017 grazas á rebaixa de impostos nas herdanzas e no eido rural

0

A directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, informou de que 98.000 contribuíntes non pagaron o imposto sobre sucesións e case 18.000 beneficiáronse do programa Impostos cero no rural


Os fogares galegos aforraron o pasado ano 83 millóns de euros no pago de impostos á Xunta en herdanzas e no medio rural, a consecuencia da rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego e que está en vigor desde xaneiro de 2016, segundo mostran os datos da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

A directora deste organismo, María Victoria González, informou hoxe no Parlamento da actividade desenvolvida pola Atriga durante o pasado exercicio. No eido fiscal, destacou que 2017 foi o primeiro ano no que a baixada de impostos aprobada pola Xunta tivo un efecto completo. Por mor disto, un total de 98.141 contribuíntes galegos recibiron unha herdanza e non pagaron nin un euro no Imposto sobre Sucesións, xa que máis do 99% dos galegos non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo.

Ademais, outros 17.816 contribuíntes beneficiáronse do programa de Impostos cero no rural, máis do dobre que o ano anterior. Este programa deixa libre de impostos á Xunta a adquisición dun ben rústico ou a ampliación dunha explotación agraria, e foi ampliado en 2017 á adquisición dunha vivenda habitual no medio rural para todos os menores de 36 anos, as persoas con discapacidade e as familias numerosas. No actual exercicio volveu ser ampliado con novas medidas para fomentar o alugueiro de inmobles rústicos, a participación en cooperativas agrarias ou os investimentos asociados ás sociedades de xestión forestal.

María Victoria González tamén sinalou que a Atriga obtivo o pasado ano 6,9 euros por cada euro investido nas actuacións de loita contra a fraude fiscal, o que permitiu aflorar 144 millóns de euros de débeda non declarada polos contribuíntes. Este organismo comprobou no último exercicio máis de 325.000 autoliquidacións do Imposto de transmisións patrimoniais e do Imposto sobre sucesións e doazóns, xa que ambos tributos concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados pola Xunta. Isto supuxo un aumento do 16% respecto ás autoliquidacións comprobadas no exercicio anterior.

Máis ingresosNo ano 2017, a administración tributaria galega acadou uns ingresos de 549,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,6% respecto ao ano anterior. Este incremento na recadación débese principalmente á paulatina recuperación do mercado inmobiliario no que atinxe á vivenda usada e tamén ao desenvolvemento dun plan especial de loita contra a fraude fiscal, que permitiu detectar 32,2 millóns de euros.

Ademais, a Axencia Tributaria de Galicia atendeu máis de 262.000 persoas o pasado ano, tal como mostran os datos dos xestores de colas deste organismo. Esta cifra supón un incremento do 2% en comparación co ano 2016. O tempo de atención por usuario foi de cinco minutos para o Imposto sobre Transmisións e de dez minutos no de sucesións.

María Victoria González tamén destacou o éxito da colaboración que de xeito anual mantén a Atriga coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) na campaña da renda, que permitiu atender 38.560 contribuíntes. Finalmente, no eido da avaliación da información e asistencia ao contribuínte, destacou que en 2017 se presentaron só 81 queixas, o que supón unha ratio de menos de 3,1 queixas por cada 10.000 persoas atendidas.


- Te recomendamos -