Inicio Galicia Os exames da convocatoria extraordinaria do Celga 2 e do Celga 4...

Os exames da convocatoria extraordinaria do Celga 2 e do Celga 4 serán o 17 e o 24 de novembro

0

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo públicas as datas de realización destas probas nas que hai xa admitidas provisionalmente un total de 1001 persoas entre Santiago e Ponferrada

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou esta semana no DOG a RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2018 pola que se fixan as datas de realización das probas convocadas mediante a Resolución do 7 de setembro de 2018 para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4 para os días 17 e 24 de novembro de 2018.

Nesta convocatoria extraordinaria – a segunda, tras a de xuño, que convoca este ano o departamento dirixido por Valentín García- están admitidas provisionalmente un total de 1001 persoas entre Santiago de Compostela e Ponferrada: 740 delas para o Celga 4 (611 na capital de Galicia e 129 na leonesa) e 261 para o Celga 2 (228 en Santiago e 33 en Ponferrada). Os lugares de realización serán a Escola Oficial de Idiomas ponferradina (para os dous niveis), o IES Antonio Fraguas (Celga 4) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP, Celga 2).

Máis información sobre esta convocatoria no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Sistema CelgaO Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e configúrase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais). 


- Te recomendamos -