Trátase dun programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento promovido pola fundación Barrié en colaboración coa Consellería de Educación
Un total de once centros educativos de toda Galicia participan hoxe na II Feira Piteas que se desenvolve esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia, onde exhiben e presentan os resultados dos seus proxectos en diferentes formatos a todos os membros da comunidade educativa.
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa da Xunta, Manuel Corredoira, acompañado da vicepresidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, e da directora de Programas, Carmen Arias Romero, visitou hoxe os stands da segunda edición deste evento, co que se pretende dar visibilidade aos traballos realizados e brindar aos rapaces a oportunidade de converterse non só nos protagonistas, senón tamén, nos auténticos expertos, expoñendo eles mesmos os produtos dos seus proxectos.
Piteas é unha iniciativa promovida pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, que naceu en maio de 2016 como un proxecto de mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos na detección e educación do talento do alumnado.
O obxectivo principal deste programa é potenciar o talento nas aulas a través da implantación dun modelo de enriquecemento para todo o alumnado, baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model), de Renzulli e Reis, da Universidade de Connecticut, adaptándoo á nosa realidade educativa e, especialmente, seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias clave.
O programa inclúe un plan de formación do profesorado, a implantación de proxectos na aula, a presentación e difusión de ditos proxectos, e unha investigación da USC que inclúe a avaliación das competencias do alumnado. A filosofía SEM , a investigación e a ciencia, a oratoria, o debate e a comunicación son algunhas das liñas de traballo por proxectos do profesorado dos centros educativos participantes en PITEAS no período 2016-2020.
- Te recomendamos -