Inicio Galicia Oito de cada dez concellos contan con sede electrónica, preto dun 50%...

Oito de cada dez concellos contan con sede electrónica, preto dun 50% máis que hai dous anos

0

O Rexistro de documentos e a Solicitude e obtención de certificados son os procedementos máis tramitados pola cidadanía


O 79,3% dos concellos galegos que dispoñen dun sitio web contan con sede electrónica, o que supón un incremento do 49,9% nos últimos dous anos. Así se desprende dos resultados do informe “A Administración electrónica nos concellos galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe está incluído no Plan Galego de Estatística 2017-2021 e avalía, cada dous anos, a situación das infraestruturas, equipamento así como o nivel de desenvolvemento da sede electrónica nos concellos, a interoperabilidade entre administracións, entre outros indicadores.

Servizos na sede electrónicaTres de cada catro concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico mentres que o procedemento que conta cunha menor implantación na sede electrónica dos concellos é o “Pago electrónico: tributos, multas, etc.”.

Respecto á evolución no período 2015- 2017, incrementáronse a maioría dos servizos das sedes electrónicas dos concellos, especialmente no caso das Notificacións electrónicas que experimentaron un crecemento de 24,6 puntos porcentuais, ou a “Carpeta do cidadán”, que se incrementou en 14,7 puntos nestes dous anos.

O “Rexistro de documentos” e a “Solicitude e obtención de certificados” son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. Ademais, o 27,7% de concellos galegos contan cun catálogo de procedementos dispoñible a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os concellos con máis de 50.000 habitantes ( 57,1%).

Comunicacións e participacións da cidadaníaÉ destacable tamén o incremento de uso de redes sociais por parte dos concellos, que aumentan 9 puntos porcentuais nestes dous anos, acadando o 59%.

A rede social máis común nos concellos galegos é Facebook, seguida de Twitter. A acción máis común de participación coa cidadanía é a posibilidade de comentar noticias publicadas polo concello na súa web, presente nun 16,2% de concellosO incremento da presenza do portal de transparencia nos concellos galegos é considerable no ano 2017, situándose no 62,2%, medrando 32,7 puntos nos dous últimos anos, e estando presente no 100% dos concellos máis grandes.

Trámites máis sinxelos para a cidadaníaUnha das indubidables vantaxes da administración electrónica é a redución do achega de documentos procedentes doutras administracións (DNI, certificacións de obrigacións tributarias [AEAT, Seguridade Social], familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.).

No ano 2017 a supresión da obriga de achegar estes documentos chegou ata o 13% dos concellos galegos; e o 27% deles substituíu algún por declaracións responsables.

Ambos os dous indicadores presentan un crecemento respecto aos datos anteriores, que se cifra en 5 puntos no caso da supresión da obriga de aportar documentos e en 6,4 puntos no caso da substitución por declaracións responsables.

Aplicacións informáticas de xestión interna As aplicacións con maior presenza na Administración Local de Galicia son: o “Padrón de habitantes” (96,7%) e a de “Contabilidade” (95,7%). A “Xestión de expedientes” foi a aplicación con maior crecemento respecto ao ano 2015, medrando a súa presenza en 21,1 puntos porcentuais.

En canto aos sistemas de identificación e certificados dixitais para o persoal dos concellos, o 96,13% das entidades locais contan con algún método de identificación ou autenticación do seu persoal no sistema informático da entidade.

Aínda que os nomes de usuario e contrasinal no ordenador do usuario segue sendo o método máis empregado polos concellos, o DNI electrónico ou certificado dixital aumentou 6,8 puntos nos dous últimos anos.

Nivel de implantación do Software Libre nos concellos galegosO 88,2% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático aumentando 5,6 puntos porcentuais respecto á edición anterior. O software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos. Así, a porcentaxe de concellos con aplicacións libres duplica á dos que dispoñen de sistemas operativos.

A combinación de software libre e software privativo é a opción máis común en todas as aplicacións informáticas de uso xeral analizadas, agás no caso do antivirus e seguridade, no que é o software privativo o que ten unha maior presenza.

A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (60,5% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello e as demostracións do propio funcionamento dos produtos de Software Libre con porcentaxe arredor do 51%.

Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de documentos de: http://www.osimga.gal 


- Te recomendamos -