O barco pertence á Jubilee Sailing Trust, unha entidade británica sen ánimo de lucro que traballa desde hai anos para que persoas con algún tipo de limitación física poidan desfrutar e coñecer desde dentro o mundo da navegación
Parte da tripulación e da pasaxe do veleiro Tenacious visitaron onte o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas no marco dunha viaxe de carácter formativo que están a realizar. O barco é propiedade de Jubilee Sailing Trust, unha entidade británica sen ánimo de lucro que promove a integración de persoas con algún tipo de discapacidade a través da súa aproximación ao mundo da navegación.
O Tenacious, un veleiro de tres mástiles e 65 metros de eslora, trátase dun buque inclusivo, é dicir, conta coas instalacións adaptadas necesarias para que tanto tripulación como pasaxe poidan moverse e desenvolverse polo barco sen ningún tipo de problema, ao tempo que teñen a oportunidade de aprender a navegar en alta mar e vivir nun veleiro.
Así, o barco está equipado con sinais en linguaxe braille, indicadores táctiles para favorecer a orientación entre proa e popa e camiños guiados pola cuberta para persoas con problemas de visión; tamén dispón de escaleiras levadizas, almofadiñas con sistema de vibración en liteiras para alertar a persoas xordas ante unha situación de emerxencia; ou sistemas de seguridade que garanten a estabilidade das cadeiras de rodas incluso en caso de temporal.
O Tenacious realizou a súa viaxe inaugural no ano 2000 e ten capacidade para albergar a 40 pasaxeiros e 10 tripulantes. Desde entón, percorre o mundo para transmitir unha mensaxe de igualdade e inclusión das persoas con diversidade funcional a través da paixón pola náutica e o mundo mariño.
- Te recomendamos -