O sector continúa a avanzar nos obxectivos de calidade fixados na Estratexia 2020 e, tras un 2017 de récord, segue a mellorar este ano a ocupación e a estadía media
O turismo rural, que en 2017 marcou cifras récord en Galicia, continúa a súa evolución positiva, liderando o crecemento o número de viaxeiros aloxados. En concreto, no mes de maio, os establecementos de turismo rural da Comunidade rexistraron un 11,6% máis de visitantes que realizaron un 8% máis pernoitas.
Este avance estase a producir, precisamente, mentres o Goberno galego traballa no novo Plan Estratéxico de Turismo Rural, para o que neste mes se realizou unha segunda fase de mesas de traballo polos diferentes xeodestinos das catro provincias. En total, celebráronse xa preto de 35 xuntanzas, ademais de 40 entrevistas persoais a especialistas, 61 entrevistas a responsables de casas rurais e 153 enquisas a aloxamentos deste mercado en auxe.
En xeral, o sector está a amosar un comportamento estable, consolidando os crecementos dos últimos exercicios. Amais, avánzase nos obxectivos de calidade sinalados a comezos de ano e impulsados pola Estratexia do turismo de Galicia 2020. En concreto, danse mellorías xeneralizadas tanto en ocupación como en estadía media. O tempo que permanecen en Galicia os turistas volveu elevarse un 3,8%, obtendo no turismo rural a cifra máis alta.
En conxunto, os establecementos extrahoteleiros tiveron no mes de maio un alza do 7,6%, ao que tamén contribuíron os apartamentos turísticos, cun 5,5% máis de viaxeiros. Esta tendencia esténdese, así mesmo, aos hoteis, cun 4% máis de turistas e un 3% de noites.
O turismo nacional no quinto mes do ano representou o 65,7% da demanda, mentres que os estranxeiros supuxeron o 34,3%, por riba da marca do 33% contemplada na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento consensuado hai máis dun ano pola Xunta e o sector privado e que define a Galicia como un destino tranquilo que busca diferenciarse a través da posta en valor dos seus recursos propios coa excelencia e a sustentabilidade como guías.
Con estes datos, difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia supera nos cinco primeiros meses do ano os 1,3 millóns de viaxeiros e os 2,5 millóns de pernoitas.
Tempada estivalOs datos de maio permiten realizar un balance positivo despois dunha primavera cun 80% máis de precipitacións que a converteu na máis chuviosa desde 1961. Galicia encara así a tempada estival co obxectivo de afondar os diferentes parámetros de calidade, diversificando amais os fluxos e ampliando os beneficios da actividade turística a todo o territorio.
- Te recomendamos -