O programa ‘Gran Teatro para os máis Pequenos’ combina espectáculos para público familiar con talleres previos dirixidos a nenos e nenas
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle esta fin de semana a montaxe Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, a segunda das tres propostas do ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) como unha programación especial de Nadal que combina espectáculos con talleres infantís.
A asistencia ás funcións, que terán lugar o sábado 29 ás 19,00 h. e o domingo 30 ás 12,30 h., pode combinarse coas dúas entregas do taller titulado Visto non visto, dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos. Impartido por Elea López, desenvolverá no propio Salón Teatro durante as dúas horas previas ao pase do espectáculo e abordará de xeito lúdico elementos que os rapaces poderán ver despois no escenario: distintas texturas, materiais e efectos de luz como maneiras de expresar e crear.
Xoque Carvajal e Jouse García son Os fabulosos cleaners, dous operarios encargados da limpeza dun teatro que descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo xunto con auga e xabón. A partir de aí emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas: formas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Componse así unha fantástica experiencia visual na que pode participar toda a familia.
Despois da actuación os pasados 22 e 23 de decembro de Xarope Tulú con Nómades, a sede do CDG despedirá o ano e recibirá 2019 con este ciclo, xa que Gran Teatro para os máis Pequenos continuará na primeira semana de 2019 da man de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porá en escena Muiñada o xoves 3, ás 19,00 h. e o venres 4, ás 12,30 h. Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos.
As distintas modalidades de bonos e as entradas individuais están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro os días das funcións. A información e as reservas de prazas para os talleres facilítanse no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas).
- Te recomendamos -