Os informes sobre a evolución do cadro medio de profesionais, as OPEs anuais, a actividade desenvolvida ou a adherencia ao tratamento farmacolóxico son algúns dos dez documentos remitidos
O Servizo Galego de Saúde vén de remitir ao Parlamento de Galicia a documentación solicitada pola Comisión de investigación do sistema sanitario galego. En total, remitíronse dez informes técnicos relativos a determinadas cuestións contidas no plan de traballo da comisión e que reflicten con datos obxectivos o traballo desenvolvido e que se está a realizar no Sergas, así como a aposta do Goberno galego pola sanidade pública e a súa mellora durante os últimos anos.
Entre a documentación solicitada destaca un informe sobre a situación das listas de espera ou sobre a actividade en consultas, probas diagnósticas, cirurxía e hospitalización no período 2008-2017. Cuestións estas xa referencias polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa na súa comparecencia na devandita comisión o pasado 22 de novembro.
Neste senso, cómpre subliñar que a sanidade galega é un dos servizos máis apreciados pola cidadanía. A actividade hospitalaria no Servizo Galego de Saúde no período 2008-2017 foi crecente, con máis de 30.000 intervencións cirúrxicas programadas e máis de 512.000 consultas hospitalarias no ano 2017 respecto ao ano 2008. Así mesmo cabe destacar o incremento de ambulatorización dos procesos cirúrxicos (52,47%), onde Galicia acada unha porcentaxe maior que no resto do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Os indicadores de saúde revelan a evolución e mellora da sanidade en Galicia nos últimos anos e que a esperanza de vida subiu case dous anos entre 2007 e 2015.
Outros dos informes solicitados fan referencia á evolución do cadro medio de profesionais (período 2008-2018), onde se destaca que no momento actual temos o cadro de persoal máis alto dos últimos 10 anos (38.609 profesionais) e que máis de 800 profesionais con nomeamentos eventuais fosen reconvertidos en persoal con nomeamentos estatutarios interinos (no marco do Plan de Estabilidade no emprego e provisión de prazas de persoal estatutario). Tamén se remitiron informes sobre a evolución do absentismo dos profesionais do Sergas no mesmo período; as convocatorias de ofertas públicas de emprego e a actividade desenvolvida nos Puntos de Atención Continuada; ás persoas beneficiarias da Lei de garantías de prestacións sanitaria; á adherencia ao tratamento farmacolóxico no Sergas, o acordo básico pola saúde na área sanitaria de Vigo do 26 de xuño de 2006 e o informe sobre resultados de atención a pacientes con hepatite C en Galicia.
En materia de persoal, hai que lembrar que Galicia é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais da OPE nos últimos anos. Neste senso, subliñar que as prazas ofertadas nestes últimos 6 anos (período 2012-2017) suman un total de 3.222 e esgotaron a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada para cada ano pola lexislación orzamentaria do Estado. O cadro medio de profesionais do Sergas incrementouse dende o 2008 en 2.353 profesionais.
O plan de traballo da comisión prevé un total de 39 comparecencias, distribuídas en 14 sesións. Entre os comparecentes están citados o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pechará en xaneiro a comisión; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa (que abriu a quenda de comparecentes na primeira sesión da comisión o pasado 22 de novembro); o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; representantes de Atención Primaria (incluído o responsable do PAC da Estrada); representantes de todos os sindicatos sanitarios, asociacións de pacientes, como a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, ou portavoces de colectivos como SOS Sanidade Pública, entre outros.
- Te recomendamos -