Esta nova unidade, que supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros, foi visitada hoxe, no Hospital do Salnés, polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña
Vilagarcía de Arousa, 15 de xuño de 2018.– O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe o Hospital de Salnés, onde o Sergas ten instalada, ao carón deste centro sanitario, a terceira unidade móbil de resonancia magnética que porá en funcionamento nos próximos días para reforzar a cobertura asistencial que, dende 2006, se está a proporcionar neste tipo de probas aos sete hospitais comarcais, e puntualmente ao Complexo Hospitalario de Pontevedra. A nova unidade supuxo un investimento para a Administración sanitaria galega de 1,5 millóns de euros.
Estas unidades móbiles para resonancias reforzan a capacidade de resolución e os servizos que prestan os hospitais comarcais, en coincidencia co o obxectivo previsto na reforma da Lei de Saúde aprobada recentementeO tráiler está instalado, provisionalmente, ao carón do Hospital Comarcal do Salnés, onde se están a realizar os axustes e as probas de aceptación necesarias para á súa posta en funcionamento e a formación do persoal que a vai utilizar. Está previsto que o vindeiro luns, día 18, comece a exploración de pacientes coa nova unidade no Hospital Comarcal da Costa, en Burela.
O novo equipo, do mesmo xeito que os dous anteriores, está dotado dunha resonancia de alto campo (1.5 teslas de forza magnética), que inclúe os últimos avances nesta especialidade diagnóstica, co mesmo nivel de calidade nas exploracións que a que ofrecen os equipos fixos de última xeración instalados nos hospitais, e coa posibilidade de desenvolver todas as técnicas actuais, desde as máis sinxelas ata as de máis alta complexidade.
TelerradioloxíaA experiencia adquirida coas dúas unidades móbiles en servizo, que no pasado ano realizaron máis de 15.000 probas a máis de 13.000 pacientes, fai que a nova resonancia incorpore melloras en aspectos de confort para o usuario, grazas a unha distribución máis axustada dos espazos interiores, que permitiu instalar dúas cabinas vestiario, para que os pacientes poidan cambiarse con comodidade.
Coa nova unidade seguiranse aproveitando as vantaxes que ofrece a tecnoloxía actual, ao adquirir imaxes de RM sen desprazar aos pacientes (telerradioloxía), imaxes que son analizadas a distancia por radiólogos expertos con acceso á historia clínica dos pacientes. Este sistema, mellora os tempos e a calidade dos informes, evita a repetición de probas, ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo, e posibilita a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.
Con esta terceira resonancia móbil, vense a reforzar un sistema asistencial que garante a resposta máis áxil, flexible e racional a unha demanda dispersa pero considerable no seu conxunto que, con todo, non xustificaría a instalación dun equipo fixo de resonancia magnética en cada un dos hospitais comarcais.
Con este sistema asistencial, ao que agora se incorpora o terceiro equipo, a alta tecnoloxía diagnóstica viaxa ata onde está o paciente, seguindo unhas rutas planificadas de forma coordinada cos hospitais comarcais, de modo que estes centros dispoñen da resonancia durante unha permanencia proporcional ás súas respectivas demandas. Por outra banda, estes equipos móbiles garanten ao sistema sanitario público a posibilidade de utilizalos tamén para cubrir as necesidades de calquera hospital do Servizo Galego de Saúde no que se produza unha parada do equipo propio ou cando exista un pico de demanda.
A posta en marcha destas unidades ten un importante carácter de reequilibrio territorial, ao facilitar o acceso á alta tecnoloxía de toda a cidadanía. Este sistema evita que miles de persoas teñan que realizar longos desprazamentos aos hospitais de referencia, finalizando cos inconvenientes e o custo social e económico que estes traslados orixinaban.
- Te recomendamos -