Ofrécese unha compensación económica de 140 € brutos en 12 pagas para os traballadores fixos e eventuais con continuidade mentres continúen prestando servizos no mesmo centro de traballo
Ao longo da mañá de hoxe o xerente e a subdirectora xeral de Relacións Laborais e Réxime Xurídico do Sergas e o equipo directivo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mantiveron unha reunión cos representantes dos traballadores onde se volveu a poñer enriba da mesa o borrador de acordo das condicións do cambio de centro de traballo do persoal estatutario á Estrada retirado no pasado mes de xullo. Trátase da quinta reunión entre os representantes da administración e os representantes dos traballadores estatutarios desde o inicio do mes de xaneiro para a negociación polo cambio do centro do centro de traballo dos traballadores do 061 de Galicia.
Entre os puntos que se recollen no borrador de acordo atópase a oferta para os traballadores fixos e eventuais con continuidade dunha compensación económica, polo cambio de centro de traballo á Estrada, de 140 € brutos en 12 pagas mentres continúen prestando servizos no mesmo centro de traballo. O complemento, pendente de determinar o concepto e condicionado aos informes pertinentes, non terá carácter de absorbible.
Ademais, os traballadores non sanitarios poderán elixir para o seu goce os días festivos correspondentes ao concello de Santiago ou, no seu caso, ao concello da Estrada, sempre que se manteña un cadro de persoal mínimo para garantir o adecuado funcionamento do servizo.
Puntuación adicional no seguinte concurso de trasladosNo seguinte concurso de traslados efectivo, unha vez realizado o cambio ao centro de traballo da Estrada, adxudicarase unha puntuación adicional ao persoal afectado polo cambio de centro de traballo con destino ao ámbito xeográfico da área Sanitaria de Santiago. Esta puntuación adicional manterase ata que se teña o destino e afectará exclusivamente ao persoal que teña prestado servizos de xeito efectivo no 061. Este punto está condicionado á súa aprobación na mesa sectorial.
Tras a publicación da Lei de Saúde de Galicia, existe o compromiso do Servizo Galego de Saúde do desenvolvemento normativo e implementación dos itinerarios profesionais para o persoal médico de acordo coas datas e condicionamentos legais necesarios.
Proponse tamén a posibilidade da realización de chamamento de longa duración para o persoal eventual, que se atopa no momento de cambio de centro de traballo vinculado a unha longa duración na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. No caso do persoal sanitario, o chamamento será para a área sanitaria de Santiago e para a totalidade dos centros de traballo da propia Fundación, por unha soa vez para cada localidade. Para persoal non sanitario, será un único chamamento para a área sanitaria de Santiago.
O tempo de incorporación nas gardas localizadas do persoal médico na Central de Coordinación en que o persoal sexa activado, que actualmente é dunha hora increméntase a unha hora e trinta minutos.
O borrador de acordo propón ademais, a autorización de asistencia ás reunións de médicos coordinadores por vídeo conferencia, a posta a disposición dos traballadores dunha habitación nas instalacións da Academia galega de seguridade pública (Agasp), por un módico importe económico e baixo o protocolo que se establecerá a este efecto e o compromiso de valorar prezos especiais para o persoal que preste servizos na Estrada para a vindeira concesión da cafetería.
O cambio do centro de traballo levarase a efecto a partir do 1 de outubro de 2018, tal e como se comunicará debidamente a cada traballador e tal como establece a lei. Neste senso, hai que facer fincapé en que no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, regula no artigo 31 a mobilidade do persoal no ámbito da área sanitaria, establecendo que a Administración poderá cambiar, temporal ou definitivamente, ao persoal de posto de traballo, localidade ou centro, dentro da mesma área sanitaria, sen que sexa necesario a realización dun plan de ordenación de recursos humanos. agás que sobreveñan situacións excepcionais que impidan a súa realización na data establecida.
Resposta integral ás emerxenciasO edificio do Centro integral de atención ás emerxencias (CIAE) da Estrada dispón das instalacións e os recursos materiais e técnicos necesarios para prestar unha resposta integral ás emerxencias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste edificio encóntranse desenvolvendo as súas funcións o 112 e un enlace da Policía Autonómica con competencia na atención ás emerxencias e no edificio anexo desenvolve as súas funcións a Agasp. A partir do mes de outubro, coa incorporación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conseguirase unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e as actividades de formación no eido das emerxencias, así como aproveitar as sinerxías entre os ditos organismos que tamén van ser trasladados á Estrada como Garda Civil, Policía Nacional e Gardacostas.
Ademais, as instalacións do CIAE dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias que permitan ofrecer á cidadanía unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades á hora de determinar que recursos deben intervir en cada situación de emerxencia.
- Te recomendamos -