Representa o compromiso da sanidade pública galega de integrar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes
O Servizo Galego de Saúde presentou hoxe aos sindicatos o documento de traballo do I Plan de Igualdade entre homes e mulleres no Servizo Galego de Saúde (2019-2022). A presentación levouse a cabo no marco da Comisión de Igualdade, presidida pola Directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde.
Dende a Consellería de Sanidade, remárcase que o Plan representa o compromiso da sanidade pública galega de integrar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na organización como principio básico e ademais transversal (é dicir, que implica a todas as áreas de xestión da organización).
Una vez presentado este documento de traballo do Plan aos sindicatos, o Sergas agarda polas súas achegas para elaborar o texto definitivo. Así mesmo, teranse en conta as achegas doutras entidades ou persoas interesadas, tras a publicación do documento a tal fin, nos vindeiros días, no portal de Transparencia da Xunta de Galicia.
O documento de traballo do I Plan de Igualdade entre homes e mulleres no Servizo Galego de Saúde (2019-2022), recolle un conxunto de medidas específicas que se incluíron no texto tras facer un diagnóstico da situación en distintas áreas das institucións sanitarias do Sergas. Este diagnóstico previo permitiu coñecer a situación actual, e posteriormente a súa evolución, expoñendo a necesidade ou non da incorporación ou mellora de medidas que se integrarán neste Plan.
Entre as medidas recollidas no documento destacan as relativas a actuacións concretas nas ofertas de emprego público, como as dirixidas a corrixir a infrarrepresentación do sexo feminino en categorías profesionais onde se produza esta circunstancia. Cómpre subliñar tamén medidas para a formación en igualdade, o establecemento dunha xornada anual de sensibilización en materia de loita e prevención de violencia de xénero (o 25 de novembro, coincidido co Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller) ou a extensión de garderías para fillos do persoal nas xerencia do Sergas entre outras.
- Te recomendamos -