O conselleiro de Sanidade asistiu a un simulacro en Ourense, enmarcado nas iniciativas da Xunta de Galicia para a mellora da atención á morte súbita
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) garante a partir de hoxe a asistencia precoz á parada cardiorrespiratorira a toda a poboación coa ampliación do programa Acude e Axuda a toda a Comunidade Autónoma. Co obxectivo de reafirmar a importancia deste programa, no que o Sergas participa a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu esta maná na Praza Maior de Ourense a un simulacro baseado na asistencia a unha persoa que sofre unha indisposición cardíaca nun lugar público.
O programa Acude e Axuda comezou a funcionar en novembro de 2016 como programa piloto na cidade de Santiago de Compostela coa colaboración de voluntarios de Cruz Vermella que eran activados desde a Central de Coordinación do 061 de Galicia no momento de recibir unha alerta nos casos de producirse unha parada cardiorrespiratoria nun lugar público. Ao tempo que un dos voluntarios se acercaba ata o punto no que se encontraba o paciente, outro dos participantes no programa encargábase de recoller o desfibrilador semiautomático externo (DESA) máis próximo para continuar coas manobras de reanimación cardiopulmonar ata a chegada da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado.
A ampliación do programa á totalidade de poboacións de Galicia realízase grazas ao incremento do número de institucións colaboradoras, xa que á colaboración inicial de Cruz Vermella súmase agora a participación da Sociedade Galega de Cardioloxía, colexios oficiais de médicos, colexios oficiais de Enfermería, persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde, Protección Civil, Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias, e corpos e forzas de seguridade do Estado.
O número de voluntarios increméntase por tanto, non só polo aumento de persoas formadas en RCP básica e manexo do DESA, senón tamén pola capacidade de cada unha destas entidades de incluir ás persoas formadas que queren participar no programa. Deste xeito, o número de voluntarios rexistrados no programa Acude e Axuda pasou dos 55 voluntarios iniciais no programa piloto aos preto de 350 voluntarios rexistrados a día de hoxe.1.195 dispositivos DESAAdemais, o incremento do número de DESA ata acadar os 1.195 desfibriladores semiautomáticos externos que actualmente están dados de alta no Rexistro do 061 de Galicia contribúe enormemente na mellora á atención da asistencia a parada cardiorrespiratoria. Así, unha das innovacións do programa Acude e Axuda é a posibilidade de que calquera persoa que sexa testemuña dunha parada cardíaca poderá consultar a ubicación do DESA máis próximo e o camiño de acceso máis rápido se ten descargada a App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 nunha tableta ou teléfono móbil.
A implantación do programa Acude e Axuda a todas as poboacións, tanto rurais como urbanas, da Comunidade Autónoma enmárcase na iniciativa que desde a Xunta de Galicia se está a desenvolver para a mellora da atención á morte súbita, tendo en conta que as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes entre a poboación galega.
A concienciación da sociedade da importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica, é fundamental, xa que a RCP por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima, como se deriva da análise dos máis de 750 eventos que cada ano atende Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A causa máis frecuente de parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas é a síndrome coronaria aguda e, dentro desta, a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, que teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica.
Entre os anos 2001 e 2017, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aplicou o DESA a 5.773 pacientes. No 26 % dos casos (1.489 persoas), o desfibrilador detectou un ritmo desfibrilable e realizou descargas, e deles o 57 % (844 persoas) recuperou o pulso durante a atención extrahospitalaria. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos resulta imprescindible para abordar con éxito as manobras de reanimación.
- Te recomendamos -