Inicio Galicia O Sergas constitúe un grupo de traballo para a detección temperá da...

O Sergas constitúe un grupo de traballo para a detección temperá da violencia de xénero

0

Considéranse clave os protocolos de detención e denuncia por parte dos profesionais sanitarios e a coordinación entre os servizos de saúde e os servizos sociais


O Servizo Galego de Saúde vén de constituír un grupo de traballo en materia de violencia de xénero e saúde, ao obxecto de traballar na detención temperá deste problema. Neste senso, considéranse vitais e clave os protocolos de detención e denuncia, especialmente por parte dos médicos de Atención Primaria e de Urxencias. Tamén considerase imprescindible a coordinación cos servizos sociosanitarios e a importancia da figura do traballador social.

Este grupo de traballo, de carácter multidisciplinar e con dependencia funcional da Xerencia do Sergas, deuse a coñecer hoxe no marco da xornada Ollada ao futuro na violencia de xénero, unha xornada de reflexión e debate sobre a concienciación e formación a todos os profesionais sanitarios. O acto contou coa presencia do Xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e da subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, María Belén Liste Lázara, e coa asistencia de preto de cincuenta profesionais de diferentes disciplinas (médicos e enfermería de primaria, de Urxencias, pediatría, especialistas en saúde mental e traballadores sociais).

Os profesionais da sanidade pública galega son un piar fundamental na sociedade galega para realizar unha efectiva detección precoz e imprescindible axuda na recuperación da saúde e da autonomía psicosocial da muller, ou dos seus fillos que pasan por esta situación vital. De aí que as seguintes actuacións do Grupo de traballo en materia de violencia de xénero e saúde pasen por actualizar o coñecemento e a experiencia, e definir as pautas homoxéneas de prevención, actuación, diagnóstico temperán e seguimento do estado de saúde das afectadas. Trátase de actualizar os coñecementos dos profesionais en aras de mellorar actitudes e valores en materia de violencia de xénero.

Entre os obxectivos do Grupo de traballo en materia de violencia de xénero e saúde está o de contribuír á concienciación social e colaborar no deseño das actuacións e programas públicos en materia de violencia de xénero dende o ámbito sanitario. O grupo de traballo está formado por profesionais do ámbito sanitario público galego, con amplia experiencia e gran sensibilidade na materia. Con esta actuación, tanto Consellería de Sanidade como o Sergas ratifican o seu compromiso contra a violencia de xénero.


- Te recomendamos -