Mara Freire e Sandra Paola Lozano, de Pontevedra, e un grupo de sete rapazas e rapaces de 1º da ESO de Vigo gañaron este ano o certame
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a creatividade, o esforzo e “a intelixencia demostrada reinventando os contos do mestre Andersen” dos premiados no concurso Andersen en cómic. Mara Freire Carracedo, Sandra Paola Lozano Justo e un grupo de estudantes de 1º da ESO de Vigo, Carlota Salgado, Noemí Collazo, Lucía Domínguez, Raisa Rodríguez, Lucía Covelo, Álex Pais e Pablo Fernández, foron galardoados nas categorías de primeiros lectores, lectores avanzados e superlectores, respectivamente.
O certame foi convocado pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), con motivo do Día Internacioal do Libro Infantil e Xuvenil e promovido en Galicia a través da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix), co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. As nenas e nenos premiados participaron a través dos seus centros educativos. O CEIP A Xunqueira 1, de Pontevedra, no que estudan dúas das galardoadas, foi o lugar escollido para o acto de entrega. O grupo de premiados de 1º da ESO estuda no IES Carlos Casares de Vigo.
Facendo culturaAnxo Lorenzo pediulles aos participantes e aos premiados un favor: “Non deixedes de ler nunca, porque iso nutre a vosa creatividade, esa que hoxe se expresou con debuxos, pero que mañá pode facelo con palabras, imaxes, tecnoloxía, música ou tantas outras vías”. No acto participaron tamén o presidente de Gálix e da OEPLI, Xosé A. Perozo, e a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces. O secretario xeral de Cultura expresou a súa esperanza de que os rapaces continúen “contribuíndo a ofrecerlle á xente” a súa imaxinación, as súas historias e o seu esforzo. “Medrando como persoas e, ao tempo, facendo cultura na nosa terra”, concluíu.
Os nenos e nenas participaron a través dos seus centros educativos e bibliotecas, en tres categorías: primeiros lectores (de 1º a 3º de primaria), lectores avanzados (de 4º a 6º de primaria) e superlectores (de 1º e 2º de secundaria). As obras presentadas ao concurso consistiron na elaboración dun cómic baseado nalgún dos contos de Hans Christian Andersen. En relación ao autor danés, Anxo Lorenzo, destacou que “con cada conto, con cada personaxe, foinos ensinando tamén leccións de vida, importantes consellos que iamos aprendendo mentres a nosa imaxinación bulía, animada polos seus relatos. As historias dun escritor que non tivo unha vida fácil, pero que non deixou que iso o detivera”.
- Te recomendamos -