Turismo de Galicia promove esta iniciativa, na que as casas de turismo rural implicadas ofertarán 38 menús diferentes
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe a 12ª edición do programa ‘Outonos Gastronómicos en Turismo Rural’, que comezará o vindeiro venres, 14 de setembro, coa participación de 19 establecementos da provincia de Lugo.
Turismo de Galicia promove esta iniciativa na tempada outonal co obxecto de potenciar a oferta turística e reforzar este sector como piar fundamental da economía.
Balseiro, que estivo acompañado por varios representantes dos establecementos participantes, salientou que esta iniciativa que se desenvolverá ata o 16 de decembro contribuirá a afondar na liña de desestacionalización da demanda turística, que foi un dos retos fixados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado entre a Xunta e o sector que recolle os compromisos, retos e as oportunidades neste eidoO ‘Outono Gastronómico’ trátase dunha exitosa proposta de turismo rural que combina restauración e aloxamento con modalidades e prezos moi atractivos. O delegado territorial explicou que os establecementos participantes ofertarán 38 menús diferentes deseñados expresamente con motivo desta cita, e que serán elaborados con produtos galegos de recoñecida calidade.
Ata catro modalidades para elixirO Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:- A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.- Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.- Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.- E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.
O delegado destacou que, como en edicións anteriores, hai guías divulgativas á disposición do público, que poderán atoparse nos establecementos participantes e en edificios públicos, entre eles as oficinas de turismo. A información relativa a este programa está ademais dispoñible en internet, tanto na web turismo.gal como na páxina outonogastronomico2018.com.
- Te recomendamos -