O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, clausurou hoxe o PIE de Mos, cun índice de inserción laboral do 50 por cento e no que participaron 85 alumnos
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, clausurou hoxe o programa integrado de emprego “Mos 3.0”, unha iniciativa na que colaboran o Concello e a Xunta e na que un 50 por cento dos 85 participantes conseguiron xa encontrar traballo. O obxectivo, apuntou o representante autonómico, é “incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas”.
No acto celebrado na Axencia de Colocación, no que estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, o representante autonómico confirmou que Mos terá unha cuarta edición do “Mos 3.0” que chegará, na convocatoria do 2018-2019, a un cento de veciñas e veciños sen emprego deste concello.
Na súa intervención, López-Chaves fixo especial fincapé no esforzo do Goberno galego en materia de formación e orientación laboral, “unha prioridade –dixo- para a Administración autonómica que se ve reflectida nas crecentes políticas activas de emprego”. Citou así os obradoiros de emprego, o plan galego de formación e os programas integrados de emprego, entre os plans que están a acadar maior éxito.
No conxunto de Galicia, a Xunta desenvolverá no marco da nova convocatoria un total de 48 programas integrados que, cun investimento próximo aos 11 millóns de euros, chegarán a 4.800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Administración autonómica sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
No que atinxe á área territorial de Vigo, un total de 1.800 persoas desempregadas recibirán asesoramento, formación e prácticas ao abeiro destes programas, dos que se benefician cinco concellos (Moaña, Mos, Redondela, Vigo e Cangas) e 13 entidades. Tras agradecer a implicación do Concello de Mos, López-Chaves apuntou que é necesario deseñar programas formativos que se axusten á realidade económica e social de Galicia, o que se está a favorecer a través de iniciativas impulsadas pola Xunta como os cursos de formación para desempregados, a formación á porta ou os obradoiros duais, que se activaron este ano por primeira vez. Unhas actuacións que están contribuíndo á hora de consolidar a recuperación no terreo laboral, e que fan posible que Galicia conte cunha taxa de paro do 12,24%, o que supón 2,25 puntos menos que hai un ano. Para seguir avanzando neste camiño, o ano que vén a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 145 millóns de euros á formación.
- Te recomendamos -