O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, participou hoxe na clausura deste Programa Integrado de Emprego (PIE) que financia o Goberno galego e na que participaron 85 desempregados
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Outeiro de Rei, na residencia de maiores Domus VI, na clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) Em-prégate IV promovido co apoio da Xunta pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes). Nesta iniciativa, que a Xunta financiou con 204.000 euros, os alumnos e alumnas recibiron formación en novas tecnoloxías, busca de emprego, atención ao cliente e comunicación e sobre manipulación de alimentos e alérxenos. Así mesmo, a través desta actuación, os participantes recibiron charlas sobre os dereitos e deberes laborais.
Marnotes salientou o bo resultado desta actuación que en Outeiro de Rei permitiu que unha das alumnas atopase un traballo na residencia de maiores Domus VI como recepcionista. Destacou que o obxectivo principal dos Programas Integrados de Emprego (PIE) é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. Neste senso, sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.
Na actualidade estanse poñendo en marcha en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía. Na provincia de Lugo, poranse en marcha tres programas impulsados pola Asociación de empresarios de hostalería de Lugo (Apehl), os concellos de Vilalba, Mondoñedo e Abadín e a Mancomunidade da Mariña.
Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.
- Te recomendamos -