Inicio Galicia O polígono industrial de Xinzo de Limia xa dispón de conexión a...

O polígono industrial de Xinzo de Limia xa dispón de conexión a internet ultrarrápida grazas ao Plan de banda larga da Xunta e o operador R

0

O Plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 4 superficies da provincia tras activar o servizo noutras 7 entre 2016 e 2017

Un total de 17 empresas do parque empresarial de Xinzo de Limia dispoñen xa de acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps. Esta conexión é posible grazas a unha das actuacións do Plan de Banda Larga 2020, que está a impulsar a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con R. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, acompañada polo responsable de R, Jacobo González de los Santos, mantivo esta mañá unha xuntanza informativa cós empresarios deste polígono da comarca limiá co obxectivo de trasladarlles as vantaxes do Plan que supón unha aposta tecnolóxica. Esta reunión celebrouse na Casa do Concello coa presenza do alcalde da vila, Manuel López Casas.

Díaz Mouteira lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Amtega, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia ourensá terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano.

Así, a delegada territorial subliñou que ademais dos negocios do polígono de Xinzo, máis de 50 empresas dos parques empresariais de Vilamarín, Pontedeva e Vilar de Santos, quedarán conectadas a estas redes ultrarrápidas ao longo de 2018, co que cando remate o ano serán 11 os parques empresariais ourensáns beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións en 2016.

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción a man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (Big Data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento. E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Prazos e orzamentoO Plan xa completou o despregamento en 61 polígonos da Comunidade e este ano chegará a 19 máis. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR). 


- Te recomendamos -