Inicio Galicia O Plan marco de mellora de camiños da Xunta permite que os...

O Plan marco de mellora de camiños da Xunta permite que os concellos da área da Coruña invistan en infraestruturas rurais máis de dous millóns de euros nas convocatorias de 2017 e 2018

0

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o proxecto para a mellora do camiño entre as aldeas de Fabas ata Armental en Cambre


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Cambre para comprobar a actuacións financiadas pola Consellería do Medio Rural de mellora de camiños municipais.

Concretamente, a mellora no camiño que enlaza os lugares de Fabas e Armental contou cunha achega do Plan Marco 2017-2018 de case 39.000 euros. Os criterios xerais que dirixen o proxecto son o de realizar a reposición de capas de firme no camiño e a súa sinalización horizontal. No concello de Cambre o Plan Marco deixará nas convocatorias de 2017 e na de 2018 case 78.000 euros.

O Plan Marco significou nas dúas convocatorias de 2017 e 2018 para os municipios da área de influencia da Coruña dun investimento de máis de dous millóns de euros. Trátase dunha axuda cofinanciada nun 75% con fondos Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020 para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten os accesos a zonas habitadas.

Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.

Neste senso, apuntou que “as infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo. Con estas obras buscamos por una banda facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e por outra, contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade das operacións e nunha redución dos custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”.

Plan MarcoO Plan marco de mellora de camiños municipais está destinado a todos os concellos de Galicia e ten este ano un orzamento de 15,9 millóns de euros. No caso concreto da provincia da Coruña o investimento é de 8 millóns na nova convocatoria de 2018, máis da metade do que se inviste en toda Galicia.

Respecto ao reparto de fondos, Agader acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O delegado territorial tamén quixo destacar que os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 


- Te recomendamos -