Inicio Galicia O Plan de transporte público de Galicia, que hoxe cumpre un ano...

O Plan de transporte público de Galicia, que hoxe cumpre un ano da súa posta en funcionamento, rexistrou máis de 5,3 millóns de usuarios ao incrementar en máis dun 37% os servizos de autobús

0

O plan aumentou a cobertura territorial do transporte, triplicando o número de paradas e rebaixando as tarifas en ata un 80% nalgúns casos


O Plan de transporte público de Galicia, que hoxe cumpre un ano da súa posta en funcionamento por parte da Xunta, rexistrou máis de 5,3 millóns de viaxeiros, un 1,2 % máis nos usuarios xerais, ao incrementar os servizos de autobús en máis dun 37 %.

O plan aumentou a cobertura territorial do transporte, triplicando o número de paradas e rebaixando as tarifas en ata un 80%. Os contratos potenciaron a rede de transporte existente, ao pasar de 11 a 15 millóns de km de servizo anuais.

Esta iniciativa impulsada pola Xunta é útil para os veciños, sustentable desde o punto de vista ambiental e viable a nivel económico.

O Goberno galego, a través deste plan, puxo en marcha novas modalidades de transporte, como o autobús compartido e os servizos baixo demanda, coa finalidade de aumentar a cobertura nas zonas onde non chegaba o transporte público. Estas fórmulas acadan unha maior eficiencia e rendibilidade social, evitando a circulación de autobuses baleiros.

O transporte compartido permite que en determinadas rutas os veciños poidan empregar as prazas baleiras do autobús que leva aos rapaces á escola, sempre cun servizo de acompañante para os alumnos. Esta modalidade dispuxo 491 liñas integradas, con 5.297 paradas que dan servizo a 189 concellos.

As liñas integradas, durante o seu período de funcionamento, chegaron a superar os 2,6 millóns de usuarios, o que inclúe as viaxes de alumnos e as dos case 107.000 usuarios xerais que empregaron o servizo.

O novo plan tamén incorporou a prestación de determinados servizos baixo demanda para dar resposta ao elevado nivel de dispersión e envellecemento da poboación galega. Estes servizos, no marco de 492 liñas con algunha parada baixo demanda, cun total de 3.107 paradas que dan servizo a 169 concellos, adáptanse ás necesidades dos usuarios, tanto en tempos de percorrido como en cobertura territorial.

Os interesados en utilizar os servizos a demanda só deben chamar ao teléfono 988 68 78 00, facendo a súa reserva antes das 20 horas do día laborable anterior a aquel no que se desexe viaxar. Ademais, a través da páxina web www.bus.gal tamén poderán consultar os horarios e servizos de transporte baixo demanda.

A Xunta, dende o 22 de decembro, ten activa unha central de chamadas que recibe as peticións de servizo, que ata finais de xullo rexistrou 1.662 chamadas, cun notable ascenso neste último mes ao tratarse de período non lectivo, no que non funcionan as liñas integradas.2ª fase do PlanO Plan de transporte público posto en marcha pola Xunta está avalado polos usuarios, tal como amosan as cifras no emprego dos servizos; polos tribunais, por un acordo sindical de referencia e polo interese doutras comunidades autónomas.

Esta iniciativa permitiu que Galicia non quedase nin un só día sen transporte público a pesar das renuncias das empresas ás liñas e supuxo a continuidade dun servizo público esencial para a comunidade, en especial para o rural.

O Goberno galego, unha vez en marcha a 1ª fase do plan e iniciado o camiño de modernización do transporte público por estrada en 800 liñas, segue avanzando no deseño da 2ª, que abordará o resto de liñas e fará chegar os beneficios ao total de Galicia no horizonte do ano 2019.

A Xunta está a traballar na elaboración desta segunda fase, novamente de xeito dialogado e participado, para o que xa están en marcha os estudos e o traballo de campo, unha vez culminado o primeiro dos dous procesos de información pública.

Para acadar un transporte adaptado ás necesidades reais dos usuarios, a Xunta aposta pola celebración de xuntanzas concello a concello para coñecer as súas demandas particulares.


- Te recomendamos -