Inicio Galicia O outono galego foi moi cálido por mor das elevadas temperaturas de...

O outono galego foi moi cálido por mor das elevadas temperaturas de setembro

0

O noveno mes do ano considerouse extremadamente cálido, cunha diferencia de temperatura media para a serie histórica de +2.66 ºC, acadando o valor máis alto da serie


O outono galego considerouse moi cálido debido ás elevadas temperaturas rexistradas no mes de setembro. Así se recolle no Informe climatolóxico correspondente á estación, elaborado por Meteogalicia.

A temperatura media do outono (meses de setembro, outubro e novembro) -obtida a partir das anomalías medias en once estacións meteorolóxicas representativas, acadou un valor de 15.4 ºC, polo que se rexistrou unha anomalía positiva na temperatura media de +0.96 ºC. Asemade, a chuvia media para as dezaseis estacións que compoñen a serie rexional foi de 394 L/m2., polo que a anomalía media das precipitacións para este outono en Galicia foi un 2 % inferior ao valor normal.

O noveno mes do ano foi extraordinariamente cálido (mentres que as temperaturas de outubro e novembro acadaron valores normais), debido á presenza de anticiclóns que achegaron aire cálido na superficie e aportou estabilidade, rexistrando temperaturas para un mes de setembro moi elevadas, tanto nos valores das madrugadas como nos das máximas da tarde, sendo o efecto máis notable nos valores diúrnos. Observando os datos da serie histórica, a anomalía de temperatura media para a serie rexional en Galicia foi de +2.66 ºC, polo que este setembro pode considerarse un mes extremadamente cálido e acadando o valor máis alto da serie.

No caso do mes de outubro, as temperaturas, en media, non presentaron valores moi afastados da normalidade, debido a alternancia de episodios con elevadas temperaturas diúrnas e outros que deixaron valores baixos nas madrugadas; mentres que no mes de novembros, foron moi próximas ás normais, xa que os ventos do suroeste que prevaleceron en moitas xornadas achegaron aire temperado, aínda que a presenza de nubes e chuvias abundantes non deixou que se rexistraran grandes oscilacións.

PrecipitaciónsTendo en conta as precipitacións rexistradas, o outono de 2018 pode considerarse normal, cun 2% de precipitacións por debaixo do valor climático agardado, despois de tres outonos que foron secos ou moi secos.

Setembro foi un mes con escasas chuvias e cunha distribución moi irregular. A serie rexional, composta por 16 estacións meteorolóxicas representativas, mostrou unha anomalía dun 70 % por debaixo do normal; polo que este mes se considera como moi seco, tendo en conta a totalidade da Comunidade. A cidade de Santiago de Compostela soamente rexistrou 1mm, sendo o rexistro máis baixo da serie histórica. No lado oposto, está o mes de novembro, período no que as precipitacións foron máis abundantes do normal. O continuo paso de frontes activas asociadas a borrascas que circulaban polo Atlántico norte, deixou cantidades de chuvia superiores ao normal e tamén máis xornadas de chuvia; de feito, a chuvia rexistrada estivo un 56 % por riba do normal, considerándose o mes moi húmido. Os días de chuvia foron tamén superiores ao valor medio.

En canto á a precipitación total acumulada no outono de 2018, os valores máis altos rexistráronse no oeste de A Coruña, nas comarcas de Noia e Barbanza e Serra do Suído, onde se acadaron valores por riba dos 700 L/m2; mentres que os máis baixos rexistráronse principalmente na comarca de Valdeorras, na que nalgunhas zonas non se chegou aos 200 L/m2.

Na páxina web de Meteogalicia poden acceder ao resumo do informe climatolóxico do outono 2018, elaborado por este departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.


- Te recomendamos -