O estudo é o resultado de seis meses de traballo dos expertos, profesionais, estudosos e representantes institucionais e sociais que integran este órgano colexiado de participación
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu hoxe na sede do Consello Económico e Social de Galicia (CES) unha nova reunión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito da nosa comunidade. Na xuntanza informouse favorablemente por unanimidade o denominado “Informe Galicia: perspectivas demográficas”, un amplo documento que recolle unha diagnose da situación de Galicia dende o punto de vista demográfico e que é o resultado de seis meses de análiseNa súa intervención, o conselleiro agradeceu “a xenerosidade e confianza” de todos os membros do Observatorio; ao tempo que fixo fincapé “na participación tan plural, o nivel científico e de reflexión” deste organismo, o que “evidencia unha vez máis a capacidade que ten Galicia para, entre todos, traballar, na procura de garantir unha terra onde desenvolver un proxecto de vida, sexa atractiva para formar unha familia, con máis nenos e nenas, con maior esperanza de vida e cunha pirámide de poboación renovada”, engadiu. Neste sentido, apuntou que o informe aprobado esta mañá “ten a importancia de que ofrece unha visión certeira da situación desde múltiples factores que afectan ao cambio demográfico, entre outros: o envellecemento da poboación, o papel da xuventude e das familias, como inflúen aspectos como a pobreza e a situación laboral, as migracións ou o factor rural”.
Ademais, Rey Varela manifestou que a cuestión da demografía leva tempo formando parte do deseño das políticas públicas da Xunta de Galicia, e así se recolle no Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2015-2020, o Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), a Estratexia Retorna 2020, o Plan de fixación no medio rural ou no máis recente Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021. Así mesmo, sinalou que Galicia seguirá demandando tanto a nivel nacional como europeo que os factores demográficos se teñan en conta no reparto de fondos económicos.
Por último, o titular de Política Social informou que o Observatorio retomará as súas reunións en setembro para avanzar nos obxectivos e liñas estratéxicas de actuación en base ao informe que hoxe veu a luz. Neste sentido, instou os seus membros a que envíen as súas propostas para que sexan analizadas nos grupos de traballo. A previsión é que no último cuadrimestre do ano estean listos os eixos principais que se terán en conta para iniciar a elaboración da que será a primeira Lei de Impulso Demográfico de Galicia.
- Te recomendamos -