O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na inauguración deste programa que financia a Xunta con preto de 290.000€
Ponteareas (Pontevedra), 14 de decembro de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na inauguración do obradoiro que comparten os concellos de Ponteareas e As Neves no que un total de 20 desempregados formaranse e poderán obter un certificado de profesionalidade nas especialidades de xardinería e de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e en institucións. Durante os nove meses que dura o obradoiro terán ademais un contrato de traballo, e ao tratarse dun obradoiro dual, os alumnos e alumnas terán a posibilidade de amplialo durante polo menos tres meses nunha empresa da contorna.
Os participantes, ao tempo que se forman durante o obradoiro, levarán a cabo tarefas de mantemento en xardíns de titularidade municipal e atenderán ás persoas maiores da residencia municipal Santa Ana.
O director xeral puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que financia a Xunta co apoio das administracións locais. Neste caso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia a actuación con preto de 290.000 euros. Neste senso, Marnotes resaltou a importancia da colaboración institucional para poñer en marcha este tipo de programas cos que se busca adaptar a formación das persoas desempregadas aos perfís profesionais que están demandando as empresas.
Nesta edición, celébranse en toda Galicia máis de 100 obradoiros, cun orzamento que supera os 26 millóns de euros, e coa participación de máis de 2000 alumnos, sumando tanto os obradoiros duais como os específicos para persoas mozas.
Para rematar, o director xeral fixo fincapé na importancia da formación lembrando que nos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o vindeiro ano dedícanselle 145 millóns de euros, dándolle prioridade aos programas formativos que se adapten aos novos perfís profesionais que está a demandar o tecido produtivo.
- Te recomendamos -