O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, inaugurou hoxe este taller animando ao alumnado a “aproveitar a oportunidade de formarse e acceder a un traballo”
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Pazo Pousadouro para darlles a benvida aos 20 alumnos e alumnas que iniciaron a súa formación no Redondela Vila Bela II, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello de Redondela.
O representante autonómico, quen estivo acompañado polo alcalde de Redondela, Javier Bas, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica con esta nova programación de obradoiros, 105 na convocatoria 2018-2019, que busca impulsar a empregabilidade de 2000 persoas en Galicia, incrementando nun 25% os fondos destinados a este programa.
López-Chaves animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un posto de traballo” e especial fincapé fixo no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, destacando os 135 millóns de investimento en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.
Respecto á segunda edición do Redondela Vila Bela, a Administración autonómica destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados en colocación de pedra natural e no eido forestal e de xardinería, preto de 290.000 euros. Entre as propostas, figuran a colocación de pedra natural e obras de artesanía e restauración de mobiliario ornamental e o roce e mantemento de espazos de espazos naturais así como cultivo ecolóxico na finca do Pazo Pousadouro.
No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas a través dos que os beneficiarios contarán cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres mesesEn concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Redondela, Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Vigo (Vigo Capacita V), Mos (Mos Rehabilita), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).
Sistema de Garantía XuvenilA maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (O.
E.
Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.
Novidades dos obradoiros duaisAta o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación do Goberno galego combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.
Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que puideron concorrer ás mesmas non só os concellos (entre os que se deu prioridade aos concellos emprendedores como Redondela e Mos no caso da área de Vigo), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
- Te recomendamos -