Inicio Galicia O obradoiro de emprego Lugo Cóidate formou a 15 mozos desempregados...

O obradoiro de emprego Lugo Cóidate formou a 15 mozos desempregados en servizos sociosanitarios e de dinamización do tempo libre

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe a iniciativa, impulsada pola Xunta cun investimento de 140.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego Lugo Cóidate, que ofreceu formación a 15 mozos e mozas desempregados nas especialidades de Atención Sociosanitaria a persoas en institucións sociais (7 alumnos) e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil (8 alumnos).

Este obradoiro foi impulsado polo concello de Lugo e financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 140.188 euros. Os alumnos recibiron hoxe os diplomas que acredita a formación recibida e co que acceden a un certificado de profesionalidade que os habilita para exercer nestas áreas en calquera punto do Estado.

Balseiro destacou a formación “teórica e práctica que ofrecen os obradoiros en especialidades con notable demanda no mercado de traballo”. Dende o pasado mes de setembro están en marcha na provincia 17 obradoiros de emprego que benefician a 312 traballadores desempregados de 31 concellos lucenses.

O delegado sinalou que a Xunta inviste máis de 4 millóns de euros nestas actividades, catro delas destinadas exclusivamente a persoas menores de 30 anos, como a que hoxe se clausura na capital.

O concello de Lugo impulsa tamén outro obradoiro, destinado a persoas desempregadas en xeral, que imparte as especialidades de Produción fotográfica e Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. O Goberno galego inviste 223.967 euros nesta actividade, na que participan 16 alumnos e alumnas e que rematará o vindeiro mes de xuño. Balseiro subliñou que “os obradoiros de emprego son unha valiosa ferramenta dentro das políticas activas de emprego que promove a consellería de Economía”. Por unha banda, melloran a empregabilidade dos participantes, que acceden a un contrato de formación e aprendizaxe mentres aprenden un novo oficio, e por outra, realizan obras e servizos de utilidade pública en favor dos veciños e veciñas dos municipios nos que se desenvolven.

Neste sentido, lembrou que a consellería convocará proximamente unha nova edición do programa, que introduce como novidade a posta en marcha dos obradoiros duais, que combinarán o actual contrato de formación e aprendizaxe cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses. Deste xeito, os obradoiros xerais pasarán a ter unha duración dun ano. Os alumnos realizarán as prácticas nunha empresa localizada no ámbito territorial onde se celebre o obradoiro e que traballe en áreas vinculadas co seu contido. 


- Te recomendamos -