O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos 20 participantes, que se formaron en especialidades relativas á construción e conservación de montes
O obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá II, financiado pola Xunta e promovido polos concellos de Begonte, Friol e Rábade, realizou importantes obras de mellora en infraestruturas públicas dos citados municipios, como o edificio da antiga Cámara Agraria begontina.
Así o puido constatar hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a entrega de diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron na iniciativa, desenvolvida grazas a unha achega de 280.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No acto participaron tamén o alcalde de Friol, José Ángel Santos; Ángel Manuel Lage, segundo tenente alcalde de Rábade, e a xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Lugo, Pilar Fernández, entre outros.
Un total de dez alumnos recibiron formación na especialidade de Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción, cinco na de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e outros tantos en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Entre os proxectos realizados polos oito alumnos que traballaron en Begonte, ademais das obras de rehabilitación na Cámara Agraria, destacan os traballos de recuperación e mantemento de espazos verdes na praza Irmáns Souto Montenegro, a praza de Baamonde, e en parcelas como a do centro médico ou as situadas na contorna do polígono industrial, entre outras.
No concello de Friol sete alumnos do obradoiro executaron as beirarrúas nun tramo urbano da estrada LU-231 e tamén actuaron sobre outras áreas verdes como o Campo da Feira ou a zona do campo de fútbol.
Pola súa banda, os cinco alumnos de Rábade renovaron os pavimentos de beirarrúas e outros servizos na rúa Rosalía de Castro ademais de acondicionar varios espazos verdes.
Nova convocatoriaBalseiro lembrou que a Xunta destina este ano preto de 30 millóns de euros a unha nova convocatoria de obradoiros de emprego, incrementando o orzamento nun 50 por cento con respecto á anterior.
Como principal novidade cabe lembrar a posta en marcha dos obradoiros de emprego duais, que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa local, co apoio da Xunta.
O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2.000 traballadores desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago, dous sectores de gran importancia na provincia de Lugo.
- Te recomendamos -