Suma máis de 30.000 descargas tras case tres anos de funcionamento e consolida a súa utilidade tanto para planificar a peregrinación como durante o percorrido
O número de peregrinos que utilizan a app do Camiño de Santiago impulsada pola Xunta de Galicia incrementouse máis dun 55% este ano, despois de que en 2017 xa rexistrara unha notable evolución. Ata o pasado mes, tivo 9.500 novas descargas, sumando máis de 30.000, o que consolida a súa utilidade.
Especialmente salientable é o tempo medio de cada sesión, de 4,45 minutos, tamén á alza, que acredita o interese dos contidos ofrecidos nesta app móbil, con información en tempo real das distintas rutas en Galicia, dispoñible nas plataformas iOS e Android de xeito gratuíto e que é posible consultar en galego, castelán e inglés. Entre os dez países que acumulan máis descargas atópanse España, Italia, Portugal, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Brasil, Francia, Australia e México, con incrementos xeneralizados na maior parte deles.
Esta app, unha das máis descargadas de Turismo de Galicia, é unha das iniciativas do Plan Smart Camiño, desenvolvido en 2016 conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Avanzando nos obxectivos do Plan director do Camiño de Santiago, estanse a desenvolver numerosas melloras e accións nas distintas rutas coa vista no Ano Santo 2021. Respóndese así ás necesidades actuais da peregrinación, protexendo ao mesmo tempo os seus valores históricos, e favorecendo unha experiencia de calidade.
Información ao detalleOs usuarios da app poden consultar información de utilidade como o trazado, a descrición, fotografías e datos sobre os diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos previstos nos diferentes concellos. Ademais, ten acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
- Te recomendamos -