Inicio Galicia O Ministerio de Facenda confirma que Galicia cumpriu a regra de gasto...

O Ministerio de Facenda confirma que Galicia cumpriu a regra de gasto no exercicio 2017

0

O anuncio feito hoxe pola Administración do Estado ratifica que Galicia acadou os tres obxectivos de estabilidade orzamentaria: déficit, débeda e regra de gasto

O Ministerio de Facenda e Función Pública vén de confirmar esta tarde que Galicia cumpriu a regra de gasto no ano 2017, polo que se ratifica que a Comunidade Autónoma logrou cumprir os tres obxectivos de estabilidade o pasado ano -límite de déficit público, límite de endebedamento e regra de gasto-, tal como comprometera a Xunta de Galicia.

Isto volve mostrar que, un ano máis, Galicia está consolidada entre as comunidades autónomas de referencia no control das súas contas públicas. Ademais, ten como consecuencia que Galicia non terá que presentar un plan económico-financeiro, ao igual que as outras catro comunidades autónomas que tamén cumpriron os tres obxectivos de estabilidade: Cantabria, Andalucía, Baleares e Canarias.

Segundo os datos publicados hoxe polo ministerio, o gasto computable a efectos de cumprimento da regra de gasto situouse en Galicia en 8.403 millóns de euros no ano 2017, o que representa un incremento do 2,0% sobre o gasto do ano anterior. Isto significa que Galicia cumpriu a regra de gasto, que estaba fixada nun incremento máximo do 2,1% para todas as comunidades autónomas.

Galicia foi ademais unha das sete comunidades autónomas –as outras foron Andalucía, Baleares, Canarias, Cantabria, Estremadura, Galicia e Valencia– que foi quen de cumprir a regra de gasto en 2017, fronte ás dez que superaron o límite máximo do 2,1%. De feito, o gasto computable para o subsector das comunidades autónomas ascendeu a 143.504 millóns de euros, un 2,9% máis que o ano anterior.

Galicia tamén cumpriu déficit e débedaO dato ratificado hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública únese aos xa publicados nas pasadas semanas sobre a evolución do déficit público e do endebedamento. En ambos casos, a Administración do Estado xa confirmara que Galicia era unha das comunidades que cumpriron os obxectivos fixados no Consello de Política Fiscal e Financeira, obtendo mellores resultados que a media autonómica.

No caso do déficit público, Galicia pechou o exercicio 2017 cun déficit do 0,20%, por debaixo do límite máximo do 0,6% establecido para todas as comunidades. Este dato coincidiu coa primeira estimación realizada en xaneiro pola Xunta e ratifica que a Comunidade Autónoma conseguiu en 2017 entrar en consolidación fiscal técnica, o que permite dispoñer dunhas contas saneadas e dunha solvencia financeira para consolidar unha senda de crecemento san e inclusivo.

En canto á débeda, Galicia logrou en 2017 baixar o seu endebedamento público por primeira vez nos últimos dez anos, ao reducir a ratio de débeda/PIB ata o 18,4%, dúas décimas menos que no peche do exercicio anterior. Isto supón que Galicia volve cumprir un ano máis o límite máximo de débeda, que en 2017 era do 19,0%, ao tempo que mantén un endebedamento 6,4 puntos inferior á media autonómica. Segundo o Ministerio de Facenda, todas as comunidades lograron cumprir o seu obxectivo salvo Estremadura.


- Te recomendamos -