O conselleiro de Cultura e Educación presentou a sexta edición do evento, que organiza a Agadic do luns 11 ao xoves 14 de xuño en Santiago
O mercado profesional Galicia Escena PRO ábrese un ano máis ao público xeral cunha carteleira de 19 espectáculos, que se poderán ver en Santiago de Compostela entre o vindeiro luns 11 e o xoves 14 de xuño. A Consellería de Cultura e Educación, que organiza o evento a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), busca así darlle unha maior proxección social á actual produción escénica galega, ademais de fomentar o intercambio comercial entre os preto de 200 profesionais acreditados nesta sexta edición do evento.
En ambos obxectivos incidiu hoxe Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, durante a presentación desta programa, na que tamén participaron Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic; Belén Pichel, presidenta da asociación Escena Galega; e Manuel Freire, programador cultural do Auditorio Municipal de Ourense e integrante da comisión encargada da selección artística.
Na carteleira deste ano, amosaranse 17 producións galegas (13 de teatro e catro de danza) xunto a dous espectáculos teatrais de Madrid (Lo nunca visto, de La Estampida; e Soñando a Pinocho, de La Tartana), que se presentan en Galicia grazas á colaboración coa Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid Artemad. Dáse continuidade deste xeito, á política de intercambios con outras comunidades autónomas, como os mantidos nos anos precedentes co País Vasco e Castela e León, e que, desta volta, suporá tamén a inclusión de dúas propostas galegas na vindeira edición de MADferia en xaneiro de 2019.
Cinco representacións diariasEsta oferta, cunha media de cinco representacións diarias, será de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente. Como sinalou o conselleiro, os espectadores terán ao seu dispor unha moi interesante oferta de ocio cultural de calidade a través dunha ampla escolma do mellor e máis actual da produción escénica galega, con toda a súa variedade de estilos e formatos.
Así, ademais dos devanditos espectáculos madrileños, poderán gozar das últimas propostas teatrais para adultos das compañías galegas Contrapoducións (Fillos do Sol), Talía Teatro (O servidor de dous amos), Borja Fernández (Salvador), PT Excéntricas (Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira), Sarabela Teatro (O rei morre), Compañía Ensalle (Procedimientos ante el vacío), A Panadaría (Elisa e Marcela), Eme2 Producións (A Leituga) e Ibuprofenos Teatro (Casa O’Rei).
En canto á oferta teatral para público familiar, que se concentra nos horarios de mañá, poderán verse Bathtime, de Katarsis; A galiña azul, de Tanxarina; Planeta Ardora, de Trompicallo; e Patapatúm, de Elefante Elegante. En danza, prográmase outra montaxe pensada para o público infantil e familiar (Gaia, de Entremans) e outras tres para adultos: Plastic, de Paula Quintas-trasPediante; Método negro, de Javier Martín, e La soledad de Wally, de Elahood.
Programa profesionalO resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores de teatros, auditorios, salas e festivais, así como representantes de empresas produtoras e distribuidoras.
Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que este programa está pensado prioritariamente como unha ponte entre o ámbito da produción e o da programación cultural, de xeito que o mercado é unha plataforma relevante dentro da política de apoio á distribución dos produtos escénicos galegos.
Os programadores acreditados terán tamén a oportunidade de coñecer de primeira man en que proxectos están a traballar outras 10 compañías galegas de cara á vindeira temporada. Os títulos seleccionados para a xa habitual sesión de pitching, que terá lugar na mañá do xoves, son Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia (compañías Duelirium & Traspediante); Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o Circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas; e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro. Tamén se mantén este ano a oferta de actividades paralelas, entre as que se atopan o taller Como converter o teu proxecto en noticia, impartido pola xornalista cultural Marta Baeza, o encontro da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (COFAE) e as presentacións da colaboración Galicia Escena PRO-MADferia e das Residencias Paraíso, promovido polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic.
- Te recomendamos -