Inicio Galicia ?O legado dos Valladares de Vilancosta? recompila a longa crónica da saga...

?O legado dos Valladares de Vilancosta? recompila a longa crónica da saga familiar de Ferreirós Espinosa

0

Valentín García presentou hoxe o volume que dá ao prelo o seu departamento por medio do Centro Ramón Piñeiro e en colaboración co Concello da Estrada

A obra O legado dos Valladares de Vilancosta recompila a longa crónica da saga familiar do catedrático de Terapéutica Física da Universidade de Santiago de Compostela e humanista Carlos Ferreirós Espinosa, amais de “ofrecer valiosa documentación histórica, cartográfica, epistolar, ensaística, literaria e gráfica recollida polo estradense ao longo dos anos”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación do novo volume que dá ao prelo o departamento que dirixe, por medio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), en colaboración co Concello da Estrada.

A amplísima monografía arredor das familias que habitaron o Casal de Vilancosta constitúe un estudo decisivo para o mellor coñecemento dos Núñez, dos Gómez Rivadulla e Besteiro, dos Valladares, dos Espinosa e dos Ferreirós, distinguidas familias de próceres e ilustrados á que pertencen algúns dos persoeiros máis significados non só das terras ullás, senón de todaGalicia, como o insigne político, xeógrafo e ensaísta Xosé Dionisio Valladares; os seus fillos, os eximios escritores Marcial Valladares e Avelina Valladares; ou o político rexionalista e tamén escritor Laurentino Espinosa Valladares.

Ao longo das case 700 páxinas que configuran a obra, descúbrese o papel decisivo que xogou como cartógrafo Xosé Dionisio Valladares na confección do mapa de Domingo Fontán; poden consultarse datos e xuízos de innegable interese respecto da vida e obra de Marcial Valladares; ou lerse versos inéditos, en galego e castelán, de Avelina, Serxio e Luísa Valladares e tamén de Laurentino Espinosa, así como correspondencia con outros persoeiros destacados do seu tempo.

O volume de Carlos Ferreirós Espinosa foi preparado para a súa edición polo investigador do CRPIH Armando Requeixo e conta cun amplo estudo introdutorio que coasinan catro grandes coñecedores do legado dos moradores do Casal de Vilancosta: Mercedes Brea López, Juan Andrés Fernández Castro, María Xesús Nogueira e Ofelia Rey Castelao; así como cun capítulo epigonal disposto polos fillos do autor: Carlos, Maricarmen, Xoaquín e Xosé Ferreirós Domínguez, que trazan un completo perfil da figura de seu pai.


- Te recomendamos -