Inicio Galicia O labor inspector de Augas de Galicia elimina un vertido de augas...

O labor inspector de Augas de Galicia elimina un vertido de augas residuais na bacía do río Mandeo ao seu paso por Curtis

0

A contaminación producíase a través dun desaugadoiro para evacuar pluviais ao que unha vivenda próxima estaba derivando parte das súas augas residuais

O labor inspector dos técnicos de Augas de Galicia permitiu emendar nos últimos días un vertido de augas residuais a un pequeno afluente do río Mandeo, ao seu paso polo Concello de Curtis (A Coruña). A contaminación producíase a través dun desaugadoiro para evacuar augas pluviais pero que tamén estaba recibindo aportes de augas residuais dunha vivenda próxima.

No transcurso dunha inspección á rede fluvial desta zona, os técnicos do organismo de conca detectaron indicios de contaminación polo que decidiron tomar mostras de auga. Unha vez confirmado o vertido cos resultados das analíticas, persoal de Augas e técnicos municipais realizaron unha inspección conxunta á zona para dar coa orixe do foco e establecer un plan de medidas correctoras.

Despois de varias inspeccións de seguimento e grazas á colaboración entre o persoal municipal e autonómico, verificouse que as augas residuais procedían dunha vivenda próxima ao regato, polo que o Concello de Curtis, como titular da rede, requiriulle ao titular da mesma que adoptase as medidas necesarias para eliminar a causa da contaminación.

Hai poucos días, inspectores de Augas de Galicia verificaron sobre o terreo que o punto de vertido fora emendado xa grazas á instalación dunha fosa séptica na vivenda e á recondución das súas augas residuais.

Cómpre lembrar que o foco contaminante eliminado no concello coruñés de Curtis detectouse grazas ao Plan de control de vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles nas redes municipais de saneamento.


- Te recomendamos -