Inicio Galicia O IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 garante un incremento orzamentario...

O IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 garante un incremento orzamentario de máis do 40% para ese período

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe en comisión parlamentaria para dar conta dos detalles deste Plan

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, sinalou hoxe que o IV Plan director da cooperación galega 2018- 2021 garante un incremento mínimo do orzamento autonómico destinado a este fin dun 11,4% anual, o que supón un crecemento orzamentario mínimo de máis do 40% no conxunto do período que abrangue o plan.

Así o puxo en valor hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para dar conta dos detalles deste Plan, que xa foi aprobado por maioría absoluta no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento e polo Consello da Xunta. Agora dáse cumprimento ao trámite parlamentario esixido pola Lei 3/2003 de cooperación galega para o desenvolvemento.

A maiores deste compromiso para incrementar os seus recursos económicos, o IV Plan inclúe outras novidades, entre as que destaca a súa aposta por reforzar a identidade singular da cooperación galega, aproveitando as súas vantaxes comparativas e o seu valor engadido.

Así, por exemplo, sinala cinco ámbitos estratéxicos de cooperación en base ás capacidades, recursos e traxectoria previa da cooperación galega: dereitos sociais básicos (alimentación, saúde, educación, hábitat, auga e saneamento básico); agricultura, pesca e acuicultura sustentable; equidade de xénero, empoderamento, e dereitos das mulleres e da infancia; redución da vulnerabilidade; e educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. Estes cinco eixos concentrarán, como mínimo, o 90% das axudas que se destinen para actuacións de cooperación no exterior.

Do mesmo xeito, os 11 países prioritarios que se marcan no Plan recibirán tamén o 90% das axudas. As prioridades que fixa o Plan son as seguintes: Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique na África Subsahariana; Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador en América Central; Bolivia, Ecuador e Perú en América do Sur; e a República Dominicana no Caribe.

Ademais, outro dos principais valores deste Plan é que está aliñado completamente coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas. Así, por exemplo, seguindo o seu principio de “non deixar ningunha persoa atrás”, prestarase atención preferente a grupos de poboación especialmente vulnerables, como mulleres nenas de zonas desfavorecidas; nenos e mozos en risco, con diversidades funcional ou sometidos a explotación infantil; poboación indíxena ou de minorías étnicas; persoas maiores dependentes, doentes ou con diversidade funcional; e poboación refuxiada e desprazada.

No IV Plan inclúese tamén unha importante aposta pola transparencia e a promoción dunha participación ampla dos actores e axentes galegos de cooperación, que xa exerceron un rol activo durante todo o proceso de elaboración desta folla de ruta.

Execución do III PlanDurante a súa intervención, o director xeral realizou tamén un balance dos bos resultados acadados polo III Plan director, que se estendeu entre 2014 e 2017. Neste sentido, puxo en valor a alta eficacia acadada, como se demostra no feito de que 25 dos 30 indicadores foron executados plena e satisfactoriamente.

Ademais, ese período caracterizouse por un elevado nivel de execución orzamentario, que acadou o 99%, e que supuxo o desembolsado do 100% das axudas comprometidas en cada exercicio orzamentario. Tamén se fomentou durante estes anos un alto grao de participación e transparencia en torno á cooperación galega, así como se promoveu un diálogo activo cos axentes implicados. 


- Te recomendamos -