Inicio Galicia O IV Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne no Porto 37 empresas...

O IV Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne no Porto 37 empresas na procura de acordos bilaterais

0

A Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual luso contan coa colaboración do Subprograma MEDIA Portugal-Europa Criativa para esta cuarta edición, que se celebra o xoves no marco do festival Porto/Post/Doc


A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) organizan o IV Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que se despraza por vez primeira ao país veciño para se celebrar o xoves 29 no marco do festival Porto/Post/Doc e coa colaboración do Subprograma MEDIA Portugal-Europa Criativa. Na cidade do Douro, darase cita medio centenar de representantes das 37 empresas audiovisuais acreditadas este ano, cifra que dá conta do progresivo incremento do nivel de participación neste foro bilateral, orientado a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso.

Pola banda galega, desprazaranse 14 empresas: Agallas Films, Congo Producciones, Control Z, Ficción Producciones, Filmax, Filmika Galaica, Mondotropo, OlloVivo, Portocabo, Sete Media, Somadrome, Sun Lúa, Voz Audiovisual e Zenit TV.

En canto á delegación portuguesa, teñen confirmada a súa asistencia 23 produtoras: Agente a Norte, Anexo 82, Animais Bando à Parte / Apneia, Cimbalino, Comunicar Atitude, Fronteira Filmes, HOP, Jumpcut, Jump Willy, Kintop, Lx Filmes, Modo Atelier, Ocidental Filmes, Pixbee, Red Desert, SPI, Station Productions, Stopline, Take 2000, Toonelada, Ukbar Filme, West Coast Films.

Reunións personalizadasEsta cuarta edición mantén a estrutura de traballo de anos anteriores, de xeito que a xornada xirará arredor de reunións one to one para que os responsables das produtoras entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á posta en marcha de novos proxectos de cinema e de televisión. De feito, as compañías participantes suman 74 propostas susceptibles de seren levadas ás pantallas en réxime de coprodución internacional.

A actividade do IV Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia completarase cunha mesa redonda sobre as posibilidades de financiamento que ofrecen o fondo europeo EURIMAGE e as axudas MEDIA. Ademais, todos os participantes recibirán unha acreditación do Porto/Post/Doc con acceso ás proxeccións e outras actividades do festival.

Coa convocatoria anual do Encontro de Coprodución Audiovisual Galicia-Portugal, a Xunta busca manter aberta unha canle de comunicación directa coas empresas audiovisuais do país veciño cara á posta en marcha de proxectos comúns, que favorezan así mesmo o intercambio de profesionais técnicos e artísticos entre ambas as beiras do Miño. Foi o caso da serie Vidago Palace, unha coprodución entre a TVG e RTP emitida o ano pasado nos dous países e que recibiu o seu impulso definitivo a raíz da xuntanza entre Portocabo e HOP Filmes na primeira edición desta iniciativa.

Próximos títulosAdemais, varias das compañías galegas participantes nos pasados encontros traballan actualmente en proxectos con participación portuguesa. Entre elas, Agallas ten en fase de desenvolvemento a serie Ouro negro, ademais de encabezar con Somadrome o documental El futuro de la mente, xa en postprodución. Tamén en desenvolvemento se atopa o proxecto O corpo aberto, de Ollo Vivo, mentres que Portocabo presentou no MIPCOM de Cannes a próxima rodaxe da serie Auga Seca, coproducida coa produtora portuguesa Sp-i e concibida como un thriller ambientado nas cidades de Vigo e O Porto.

Impulsado pola Agadic desde o seu nacemento, o Encontro de Coprodución Audiovisual Galicia-Portugal celebrou as súas tres edicións anteriores dentro do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e nelas participaron un total de 80 empresas.


- Te recomendamos -