Inicio Galicia O Intecmar adquirirá un novo equipo para a detección de toxinas paralizantes...

O Intecmar adquirirá un novo equipo para a detección de toxinas paralizantes nos moluscos

0

Covadonga Salgado lembrou que o instituto fai unha media de arredor de 280 análises diarias e emite 2.000 informes anuais, co fin de posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras


O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) adquirirá un novo equipo para detectar toxinas paralizantes nos moluscos para adaptarse aos cambios lexislativos que esixe a Unión Europea. Así o adiantou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento a directora do instituto, Covadonga Salgado, na que compareceu para dar conta do labor que vén realizando o centro de Vilaxoán dende a súa constitución.

Así mesmo, a directora tamén trasladou que, no marco dos proxectos de investigación que desenvolve o Intecmar, vaise finalizar a optimización do método de análises dos compostos de parafinas policloradas de cadea media en mostras de biota e, en función dos avances acadados, poderíanse incorporar aos programas de control os novos métodos de análises de contaminantes emerxentes. No eido da sanidade animal, explicou Covadonga Salgado, iniciarase a formación en histopatoloxía de crustáceos para que o laboratorio teña capacidade de resposta no futuro ante a demanda de ensaios de mostras de crustáceos.

Ademais, Covadonga Salgado avanzou que proximamente verá a luz unha nova versión da aplicación Percegurú desenvolvida no Intecmar de predición para o sector percebeiro. Este portal, explicou a directora, contén información meteorolóxica e oceanográfica sobre o estado do mar con predicións a 2 e 3 días para que os profesionais do sector poidan traballar con máis seguridade e de xeito máis organizado.

Así, Covadonga Salgado lembrou que no eido da seguridade alimentaria, este instituto fai unha media de arredor de 280 análises diarias e emite 2.000 informes anuais, co fin posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras. Tamén envía máis de 20.000 notificacións de cambios nas zonas de produción de moluscos bivalvos a todos os axentes implicados –sector e administración-, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente. Neste sentido, recordou as melloras na clasificación microbiolóxica do fondo da ría de Pontevedra que pasou a ser zona B e do banco das Pías de Ferrol, que tamén pasou a ser zona B.

En relación ao control de patoloxías en moluscos bivalvos, a directora do Intecmar explicou que o centro realiza un traballo fundamental para dar cumprimento á lexislación relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura, así como para previr determinadas patoloxías nas principais especies comerciais que se explotan en Galicia.

Por outra banda, no que atinxe á actividade que realiza o centro en materia de seguridade marítima e loita contra a contaminación mariña accidental, Covadonga Salgado destacou o traballo que está a facer o instituto de Vilaxoán no desenvolvemento dun Esquema Común Operacional (ECO) que permite recoller, sintetizar e xestionar a información relevante no caso dun incidente de contaminación mariña accidental. Tamén hai que destacar o esforzo que se está a levar a cabo para a consolidación dunha rede de medición de parámetros oceanográficos que está a situar a Galicia e ao norte de Portugal entre as primeiras rexións do mundo no que atinxe á observación e modelización oceánica.

Referencia internacionalSegundo explicou Covadonga Salgado, o Intecmar posúe diversas determinacións analíticas que contan coa acreditación outorgada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). Este organismo avala o sistema de calidade do instituto de Vilaxoán para a realización das análises físico-químicas, microbiolóxicas, patolóxicas e toxicolóxicas en moluscos bivalvos e outros produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Estes recoñecementos sitúan ao instituto como o primeiro centro de control oficial de España en ter acreditado o novo método analítico de biotoxinas mariñas lipofílicas mediante o método químico e como o primeiro laboratorio de Europa en ter a acreditación de análises histopatolóxicas de moluscos.

A directora do Intecmar recordou que o centro é punteiro e referente en Europa nos seus ámbitos de actividade, sendo especialmente recoñecido en materia de control de toxinas mariñas. Isto, explicou, fai que os seus técnicos sexan convidados a participar como expertos en distintas misións organizadas pola Comisión Europea e tamén recibe solicitudes de países europeos e extracomunitarios para que os seus técnicos en controis sanitarios poidan facer estadías formativas no instituto de Vilaxoán. Así, recibe unha media anual de 20 visitas e de 150 profesionais e expertos de todo o mundo, procedentes de 20 nacionalidades diferentes.


- Te recomendamos -