Complétanse así as actuacións previstas pola Consellería de Medio Ambiente nesta zona, onde comprou un total de 11 edificacións nas que se rehabilitarán 16 vivendas, cun investimento aproximado de tres millóns de euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de sacar a licitación as obras para rehabilitar tres inmobles máis no conxunto histórico de Betanzos. Esta actuación virá completar as intervencións previstas pola Xunta nesta zona, na que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu 11 edificacións que, en breve e unha vez adxudicada a rehabilitación destes tres últimos inmobles, estarán xa na súa totalidade en obras.
A rehabilitación destes tres inmobles no casco histórico betanceiro foi anunciada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao concello a finais de outubro. Concretamente, os edificios obxecto desta última licitación están situados nos números 3, 4 e 6 da rúa Cortadoría e grazas á actuación prevista, á que se destinarán en total 674.093,45 euros, obteranse catro vivendas.
O IGVS ten en propiedade na zona histórica de Betanzos un total de 11 inmobles dos que se obterán 16 vivendas rehabilitadas, así como varios locais comerciais nalgúns dos baixos. O investimento global a realizar nos traballos de rehabilitación destes edificios é de preto de tres millóns de euros e a previsión é que as primeiras vivendas estean listas antes de xuño do próximo ano.
En todo caso, estas actuacións terán continuidade grazas ao programa Rexurbe, en virtude do cal o IGVS sacou este ano unha oferta pública de adquisición de inmobles para rehabilitar nos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense e Betanzos. Así, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa anunciou que no marco deste programa adquirirá seis edificacións máis no conxunto histórico betanceiro co fin de continuar coas actuacións de rehabilitación que ten en marcha no concello.
- Te recomendamos -