Os participantes neste programa de apoio á transferencia de coñecemento elaborarán durante dous meses un plan de desenvolvemento e comercialización co obxectivo de pechar os investimentos económicos a finais de ano
Tras unha avaliación en detalle dos 25 proxectos que pasaron a primeira fase de avaliación por parte dun equipo de expertos internacionais e coordinada por un panel de expertos e técnicos da Xunta e da Fundación Barrié, o comité de investimentos do programa Ignicia, co que a Xunta impulsa a transferencia de coñecemento de organismos de investigación, aprobou os 9 proxectos que pasan á fase de investimento. Trátase dos proxectos Aidfork e RadioUAV da Universidade de Vigo; RuCSC, Fluorotools, Inverbis e Nanotox da Universidade de Santiago de Compostela; INDEST da Universidade da Coruña; e Nanoevers e Kitgag da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
Os proxectos seleccionados recibirán durante un prazo estimado de 2 meses asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización e realizarase un informe de auditoría legal de cada un deles, como paso previo necesario para formalizar o investimento, que se agarda realizar en decembro deste ano.
A través do programa Ignicia, a Xunta, ademais de financiar a chegada ao mercado de proxectos de centros de coñecemento galegos con potencial de comercialización, impulsa a creación de empresas de base tecnolóxica e apoia a retención de talento en Galicia. Na anterior edición do programa Ignicia, apoiáronse 9 proxectos en sectores como as TIC, o aeronáutico e a biotecnoloxía; creáronse ou mantiverónse 61 postos de traballo de alta cualificación; e agárdase a posta en marcha de cinco empresas de base tecnolóxica para a comercialización dos seus resultados. En total, entre as dúas edicións do programa agárdase investir 7 millóns de euros.
Perfil dos proxectos seleccionadosDos 9 proxectos que veñen de ser seleccionados, catro xa tiñan participado na edición anterior deste programa, logrando agora implementar as melloras suficientes para acceder á fase de investimento, ou noutros programas de apoio á transferencia de coñecemento ao mercado.
Por primeira vez seleccionáronse proxectos da Universidade da Coruña, da Fundación IDIS e do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, cómpre destacar a excelencia científica dos equipos de investigación implicados. Así, un dos proxectos seleccionados está liderado por un investigador que conta cunha axuda Advanced Grant do ERC (European Research Council), José Luis Mascareñas.
Por áreas de coñecemento, catro proxectos pertencen ao ámbito TIC (intelixencia artificial empresarial, drons, audiovisual e seguridade); outros catro son do ámbito biotecnolóxico e sanitario (seguridade alimentaria, nanomedicina, oncoloxía e enfermidades raras) e un de química (industria farmacéutica).
- Te recomendamos -