A tartaruga permaneceu no Igafa preto de tres semanas para pasar a última fase da súa recuperación
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) despide mañá á tartaruga Antares, que iniciará o seu regreso desde Vigo ás augas do Caribe tras a última fase da súa recuperación no centro. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2013 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.
A tartaruga permaneceu preto de tres semanas no Igafa para a última fase da súa recuperación e adaptación ás condicións mariñas de onde vai ser liberada para continuar o seu camiño cara ás augas do Caribe. Con este acollemento, o instituto da Illa de Arousa incorpora a experiencia para o tratamento das tartarugas mariñas, xa que é a primeira vez que acolleu un animal deste tipo.
A tartaruga de 71 centímetros de lonxitude e 24 quilos de peso, apareceu nas redes dunha embarcación nas proximidades da Illa Coelleira, no Vicedo, o 6 de decembro de 2017 e foi trasladada á UCI do establecemento veterinario do CEMMA, en Nigrán.
Tras unha evolución favorable e dado que na nosa comunidade non era posible proporcionarlle unha instalación con auga mariña e temperatura ambiental axeitada –xa que é unha especie propia do Caribe-, os veterinarios do CEMMA decidiron trasladar a tartaruga ás instalacións da ARCA del Mar do L`Oceanográfic de Valencia, encargados da asistencia e rehabilitación das tartarugas mariñas varadas nesa zona costeira mediterránea. Despois de que o animal recuperase o seu aspecto e condición de saúde, recuperando o peso, a mobilidade, a capacidade de mergullo e a alimentación decidiuse trasladala ao Igafa para a última fase da súa recuperación.
Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación de seis exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016 e 2017 e outros dous este ano. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas.
- Te recomendamos -