Así o destacou o conselleiro do Medio Rural na visita a estas instalacións, con motivo do seu vixésimo aniversario
O helicóptero con base no Campiño, en Pontevedra, participou nos labores de extinción dun total de 3.418 incendios forestais dende 1998, ano de creación destas instalacións. Ademais, completou 4.307 horas de voos nestes mesmos labores e fixo preto de 36.000 descargas de auga, o que supuxo mover uns 46,7 millóns de litros. Estas cifras dan idea da intensidade do traballo realizado desde esta base, que foi destacado polo conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita a estas instalacións, acompañado polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto.
O titular de Medio Rural participou na xornada de portas abertas da base, á que asistiron uns 70 alumnos da ESO do colexio Salvador Moreno de Pontevedra. Os cativos tiveron a oportunidade de coñecer a actividade da base interactuando directamente co seu persoal e asistiron a unha charla sobre a importancia do bosque e das medidas preventivas para evitar os incendios. Os rapaces tamén presenciaron demostracións do camión dos bombeiros forestais e recibiron explicacións sobre o funcionamento do helicóptero.
Na base do Campiño traballan un total de 51 persoas en época de perigo alto de lumes, contando tanto aos axentes como aos xefes de brigada, bombeiros, emisoristas, persoal de mantemento e condutores de motobomba. Así mesmo, tamén hai destinados dous pilotos, dous copilotos e outros tantos técnicos de mantemento da aeronave.
Centro de formaciónEstas instalacións funcionan ademais como centro de formación e educación ambiental. No período 1998-2018 participaron nestas accións divulgativas máis de 22.000 alumnos, cunha media de visitas de 21 colexios ao ano. Neste 2018 a cifra chegou a case 3.000 estudantes, desde educación infantil ata bacharelato. Esta base comezou a operar o 1 de xullo de 1998. A súa situación xeográfica, na zona central da provincia de Pontevedra, confírelle unha posición estratéxica, tanto para atender lumes como para servir de punto de formación e divulgación. Ademais, é o centro de referencia en caso de lume forestal no Parque das Illas Atlánticas.
Galicia conta cun total de 21 bases aéreas para a loita contra os incendios forestais. Nelas operan, en época de alto risco, unha trintena de medios aéreos, contabilizando tanto os da Xunta como os do Estado. Estes aparellos desempeñan un papel fundamental na extinción dos lumes e na vixilancia e coordinación do dispositivo.
- Te recomendamos -