A conselleira do Medio Rural visitou hoxe diferentes proxectos apoiados por este GDR e destacou que a entidade dispón dun orzamento preto dun millón de euros para o bienio
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) número 6 Ribeira Sacra-Courel recibiu un total de 40 solicitudes de subvención para outras tantas iniciativas dentro da convocatoria de 2018-2019 do Leader. Estes proxectos suporán un investimento total de 1.766.357 euros e con eles crearanse 12 novos postos de traballo e contribuirase ao mantemento de 134. Para ese período, o GDR dispón dun orzamento total de 948.968 euros. No conxunto de Galicia, os 24 grupos de desenvolvemento rural dispoñen dun total de 17,5 millóns de euros na devandita convocatoria.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe estes datos durante a súa visita a diferentes proxectos apoiados GDR 6, que recibiron axuda por un importe total que supera os 192.000 euros. Trátase dun miradoiro no concello de Ribas de Sil, un centro de día en Monforte de Lemos, melloras nunha carpintería en Bóveda e a apertura dunha tenda de produtos locais en Samos.
A titular de Medio Rural destacou a importancia da medida Leader para a dinamización tanto económica como social e mesmo cultural do agro galego e puxo en valor o seu enfoque “de abaixo arriba”, de forma que garante a participación activa dos axentes locais na definición, valoración e selección das iniciativas que reciben apoio.
GDR Ribeira Sacra-CourelO ámbito de actuación do GDR Ribeira Sacra-Courel abrangue 13 municipios pertencentes a catro comarcas da provincia luguesa. Pola de Lemos, son os concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober; pola de Quiroga, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil; pola de Sarria, O Incio, Samos e Triacastela e pola comarca de Ancares, As Nogais.
Foi constituído como asociación na primavera de 2016 e en decembro dese mesmo ano foi seleccionado como entidade colaboradora na xestión do programa Leader 2014-2020. Trátase dun dos grupos de desenvolvemento rural máis extensos de Galicia, cunha superficie de 1.963 quilómetros cadrados.
- Te recomendamos -