A coñecida intérprete ofreceu un pequeno concerto para pór o alfinete de ouro a esta sexta edición do ciclo da Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura de Galicia despediu Nexos 2018 este sábado, 16 de xuño, abordando a evolución da música popular portuguesa nos últimos 50 anos, desde a irrupción da chamada ‘nova canção portuguesa’, co Zeca Afonso e Fausto, ata o panorama actual no que o fado foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Para iso, contou cunha testemuña excepcional como é Teresa Salgueiro, que durante 20 anos foi vocalista de Madredeus, unha formación que traspasou as fronteiras lusas coa súa música.
Teresa Salgueiro é unha das cantoras lusas de maior proxección mundial. Por iso, a sesión non só se limitou a entrevistala, senón a abordar como se produciu e xestou esa transformación da música popular portuguesa, tamén a través de dispor das súas vivencias profesionais ao respecto. Ademais, como alfinete de ouro desta edición, ofreceu un pequeno concerto que lles permitiu os asistentes reencontrarse cunha voz cun rexistro único.
Durante o relatorio explorouse a evolución da música portuguesa tendo como data fito a declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco do fado, no ano 2011. Acadaba así recoñecemento unha creación cultural que soubo actualizarse ata hoxe. No entanto, o fado non esgota o repertorio das músicas portuguesas. Nos anos 60 e 70 do pasado século xorde a ‘nova canção portuguesa’ da man do Zeca Afonso, Carlos Paredes ou Fausto, combinando maxistralmente a canción de Coimbra, o cancioneiro popular portugués e o folk estranxeiro.
Ao longo desta sesión incidiuse no proxecto no que participou durante vinte anos, Madredeus, formación que se converteu nun dos meirandes estandartes musicais do país, con xiras en 41 países e máis de 5 millóns de discos vendidos. Esta formación contou coa carismática voz de Teresa Salgueiro, cantante e compositora, que foi a vocalista de Madredeus (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa.
Pequeno concerto de Teresa SalgueiroNa súa posterior carreira en solitario editou os discos “Obrigado” (2006, xunto a José Carreras, Caetano Veloso, Angelo Branduardi ou Carlos Núñez), “Você e eu” (2007, co Septeto João Cristal), “La Serena” (2007, con Lusitânia Ensemble), “Matriz” (2009, con Lusitânia Ensemble), “O Mistério” (2012, xa coa súa propia banda), “La golondrina y el horizonte” (2015) e “O Horizonte” (2016). En 1995 foi nomeada Oficial da Ordem do Infante Dom Henrique.
A derradeira sesión de Nexos ofreceu, deste xeito, a posibilidade de contar con ela para abordar e viaxar pola evolución da música tradicional portuguesa, á vez que poder escoitala de novo grazas a un pequeno concerto, que supuxo todo un regalo para as e os seus seguidores.
Nexos InfantilAo mesmo tempo que este relatorio, e como foi habitual nas outras catro sesións, contouse cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afondasen nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.
No obradoiro deste sábado, tirouse proveito para que os rapaces e rapazas participantes coñecesen máis de Portugal a través da súa cultura, do parentesco lingüístico co galego e púxose en común as experiencias e coñecementos relacionados co país veciño. A sesión tamén contou con vídeos e cancións para mergullar a cativada nunha viaxe pola música portuguesa, para coñecer o fado (dende o máis tradicional ao máis moderno), a nova canção portuguesa, Madredeus e mesmo a bandas de actualidade como The Gift ou Deolinda. Para rematar, ensinouse algunhas cancións infantís tradicionais portuguesas, como Todos os Patinhos sabem bem nadar para rematar a sesión cantando e bailando.
O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros foi que, á saída do ciclo, maiores e pequenos tiveran reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Puxo punto e final á sesión de Nexos o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.
Cinco sesións para a sexta ediciónA sexta edición de Nexos botou a andar en xaneiro de 2018 da man, como ao longo destes seis anos, de Marcos Lorenzo, combinando relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.
Durante as catro sesión anteriores abordáronse as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista coa socióloga Carolina del Olmo; analizáronse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia cos premiados Alberto Vázquez e Manel Cráneo; afondouse no patrimonio cultural e polas fórmulas necesarias para poñelo en valor co investigador do CSIC Felipe Criado-Boada; achegámonos á actualidade do mundo árabe e musulmán coa experta Gema Martín Múñoz; e abordouse a renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa.
- Te recomendamos -