O retorno do investimento da Xunta neste evento a través da liña de subvencións da Agadic a festivais de música sitúase entre os 23,32 e os 30,56€ por cada euro
Preto de 525.000 euros de impacto económico e unha valoración xeral de 8,6 sobre 10 por parte do público son algúns dos datos máis salientables do informe de avaliación de impacto da recente oitava edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que tivo lugar do 26 ao 29 de xullo na Illa de San Simón (Redondela). Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encargouse da elaboración deste estudo da repercusión económica, social e mediática dentro das iniciativas desenvolvidas ao abeiro da marca FEST Galicia, a nova marca coa que a Xunta busca promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Así o subliñou hoxe Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación aos medios dos principais resultados do informe. Estes foron obtidos a partir de enquisas directas a 1.224 asistentes e dos datos de ingresos facilitados polo festival, que esgotou as entradas e reuniu 2.300 persoas diferentes durante os seus catro días de celebración. Delas, un 22% procedía de fóra de Galicia e preto dun 5% de fóra de España.
Xunto con Sutil, participaron no acto celebrado este mediodía no pazo redondelán do Pousadouro María Teresa Paris, concelleira de Comercio, Igualdade, Cultura e Turismo de Redondela; Luis Campos, codirector do Festival Sinsal, e Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e codirector do estudo con Fran Núñez, quen tamén interveu.
TransversalidadeEste grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado á Illa de San Simón, onde a marca patrocinou, ademais, un dos escenarios e contou cun stand propio desde o que se difundiron diferentes campañas de concienciación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dando así conta da transversalidade desta iniciativa da Xunta.
O director da Agadic incidiu nos positivos resultados que arroxan os datos recompilados alí hai dúas fins de semana, así como na necesidade de contextualizalos para non ofrecer unha visión parcial ou desvirtuada da súa repercusión: “Esta contextualización é especialmente relevante no caso do Sinsal, un festival con cartel segredo, pensado para un máximo de 3.000 persoas e ao que só se pode acceder en barco, entre outras características que converten esta experiencia en referente dun dos lemas cos que estamos a promover FEST Galicia: Outra forma de facer festivais”, sinalou.
Retorno económico do investimento públicoO impacto económico tamén ofrece unhas importantes marxes de retorno, que se sitúan entre 2,05 e 2,69 euros por cada euro investido polo festival. Este retorno increméntase ata situarse entre 23,32 e 30,56 euros por cada euro dos preto de 19.700 achegados pola Agadic a través das súas subvencións. “Para nós é especialmente significativo este dato, xa que reflicte unha excelente optimización do investimento público”, manifestou Sutil.
Tamén resulta relevante analizar o perfil de asistente máis común (muller, de entre 25 a 34 anos), que entronca co traballo que se ven desenvolvendo desde a organización a prol dunha programación con perspectiva de xénero e da incorporación de mulleres nos postos de responsabilidade e técnicos.
O gasto medio de 81,31 euros por persoa e día, do que o 68% se realiza na comarca, é outro dato salientable, xunto coa excelente valoración dos servizos (superan o 9 sobre 10 a localización e integración na contorna, a xestión de residuos, o trato do persoal, a sensación de seguridade e os espazos, escenarios e o seu mantemento), así como dos intanxibles e do impacto social: mellora o coñecemento da localidade (4,43 sobre 5) e a súa imaxe (4,38), atrae turismo (4,31) e xeral orgullo local (4,29).
Na presentación tamén se fixo fincapé no exhaustivo e rigoroso sistema de medición empregado: ‘Avaliación 360º’, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado este mesmo ano pola Agadic. Xunto co Sinsal, empregarase tamén para medir o impacto doutros catro festivais dos 10 adheridos a FEST Galicia: PortAmérica, Resurrection Fest, SonRías Baixas e Revenidas.
Accións a medio prazo“Tócanos agora seguir traballando cos resultados deste primeiro informe, tanto desde a organización do Sinsal, para detectar os apartados que precisan impulsar, reforzar ou mellorar, como desde a propia Xunta”, engadiu Jacobo Sutil. Neste sentido, adiantou que este estudo de avaliación será fundamental na redacción dun manual de boas prácticas dos eventos FEST Galicia, que abranguerá os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc.
En estreita relación con esta medida, a medio prazo desenvolverase un selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade. Así mesmo, será de moita utilidade no inicio dos traballos cara á elaboración dun plan estratéxico para este importante sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes.
- Te recomendamos -