Inicio Galicia O falaredes reforza a programación de actividades estivais nos concellos da rede...

O falaredes reforza a programación de actividades estivais nos concellos da rede de dinamización

0

O programa de dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística visita hoxe e mañá as comarcas de Bergantiños, A Coruña, Noia e Celanova


Santiago de Compostela, 30 xuño de 2018.- O FalaRedes reforza coas súas actividades as programacións estivais nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), visitando hoxe e mañá as comarcas de Bergantiños, A Coruña, Noia e Celanova. O programa de dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística levará hoxe a Os Bolechas a Lousame, pola mañá (ás 12:00 horas na Casa da Cultura), e A Coruña pola tarde (no Centro Cívico dos Maios, ás 18:30 horas). Mañá estarán no concello ourensán de Ramirás (no Centro Cultural do Picouto, ás 18:00 horas). O espectáculo ‘Os Bolechas e o amigo Monte’ é unha actividade pensada para concienciar ás familias da necesidade de preservar os nosos montes. Para iso, proponse unha actividade que combina lingua, ecoloxía, lecer e participación constante dos espectadores.

Xoán Curiel, a bailarina Marta Alonso e a banda Son+d2 ao completo estrerán o novo espectáculo A casa do terror na Feira das Cereixas de Paiosaco (A Laracha; ás 19:30 horas no campo da feira). A proposta, terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro, está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. ‘A casa do terror’, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.

Coma sempre no FalaRedes, a entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados.

Próximas paradas: Castro de Rei, Baiona, Vilaboa, Barreiros e MondoñedoA fin de semana do 6 ao 8 de xullo o Falaredes volverá con nova programación: Xoán Curiel será o encargado de abrila o venres, día 6, en Castro Rei (Lugo), canda a banda Son+d2 e a bailarina Marta Alonso co espectáculo musical A casa do terror. A cita terá lugar na Casa da Cultura de Castro de Ribeira de Lea, ás 20:30 horas.

Pola súa parte Os Bolechas e o amigo Monte terán unha fin de semana máis intensa: o sábado, 7 de xullo, farán parada na Biblioteca Municipal de Baiona, ás 12:30 horas, e ese mesmo día ás 20:00 horas tamén ofrecerán o seu espectáculo na localidade pontevedresa de Vilaboa (na Casa da Cultura de Riomaior). O domingo, 8 de xullo, a actividade poderá desfrutarse en dúas vilas da Mariña Lucense: primeira das citas da xornada será en Barreiros (no Centro Sociocultural Díaz Sampedro, ás 12:30 horas) e, á tarde, Os Bolechas emprazarán a cativada na Casa da Xuventude de Mondoñedo (ás 20:00 horas).‘Falaredes 2018’A sétima edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa foron preto de 900 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia. 


- Te recomendamos -