Inicio Galicia O expediente BIC da Ribeira Sacra recibiu só 28 alegacións, tras un...

O expediente BIC da Ribeira Sacra recibiu só 28 alegacións, tras un proceso aberto de participación

0

O conselleiro Román Rodríguez explicou que o documento estivo en exposición pública durante máis de catro meses, un prazo “razoable” fronte ao mes que establece a lei


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu un total de 28 alegacións ao expediente de incoación de BIC da Ribeira Sacra procedentes de concellos, de grupos con representación municipal, de asociacións culturais ou de veciños, de empresas e de particulares.

Tal como explicou esta tarde en sesión parlamentaria o conselleiro Román Rodríguez, moitas destas alegacións refírense a solicitudes que piden ampliar o ámbito de protección nalgunhas zonas ou a inclusión de novos elementos patrimoniais na declaración. Tamén hai alegacións que fan referencia á petición de retirada de parcelas na delimitación ou á flexibilización dos parámetros previstos na incoación das bodegas nos socalcos.

O titular de Cultura do Goberno galego considera “máis que razoable” os máis de catro meses que o expediente permaneceu en exposición pública, dando a lei establece un prazo dun mes para esta tramitación.

Polo tanto, este prazo xunto coas máis de 20 xuntanzas exclusivas mantidas con concellos, deputacións, asociacións e entidades culturais, universidade, Confederación Hidrográfica, sectores hostaleiro, turístico e enolóxico entre outros, converten este expediente no máis analizado e debatido entre os sectores implicados e no que máis tempo estivo en exposición pública, “algo que -en palabras do conselleiro- nunca antes se tiña feito en ningún expediente de declaración”.

A isto hai que engadir todas as consultas de particulares, asociacións, técnicos municipais e consultorías que foron atendidas directa e persoalmente polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Román Rodríguez salientou que todas estas xuntanzas -algunhas das cales incluso foron previas ao inicio do expediente- foron moi proveitosas para orientar o traballo e lograr harmonizar a protección do legado patrimonial coa actividade económica e a realidade social da zona.

TrámitesA día de hoxe todas as alegacións atópanse a día de hoxe en fase de estudo por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que logo remitirá o expediente aos órganos consultivos para que emitan o correspondente informe. Logo deses informes, a Dirección Xeral realizará a resolución e notificación das alegacións presentadas.

Finalmente, Patrimonio elaborará un informe técnico co que se establecerá o Decreto de declaración do BIC que terá que ser aprobado polo Consello da Xunta.

A Consellería traballa coa previsión de que a declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de Paisaxe Cultural se faga efectiva entre finais deste ano e principios de 2019, o que suporá unha significativa redución do prazo de 24 meses establecido por lei.

Inclusión na Lista Mundial da UNESCOCómpre lembrar que a incoación da Ribeira Sacra como BIC -cuxo expediente se iniciou o pasado decembro- é imprescindible para optar a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Este espazo que abarca máis de 17.000 hectáreas, 174 quilómetros cadrados, 21 concellos, 100 parroquias e 190 núcleos de poboación é un exemplo excepcional e sobranceiro dunha paisaxe cultural, cuxas manifestacións materiais e inmateriais posúen un valor equivalente ao do seu substrato xeográfico.

A incoación do expediente de declaración BIC ten como obxectivo protexer, salvagardar e difundir estes valores; establecer os parámetros que garantan a súa conservación co desenvolvemento das actividades sociais, económicas, culturais ou de lecer que nela se desenvolvan; e determinar a relación doutros bens e manifestacións que completan o seu sentido e o valor cultural do dito espazo. En definitiva, trátase de poñer en valor un ben singular e sobranceiro de Galicia e incorporalo para o beneficio das comunidades locais, o desenvolvemento sustentable e a cohesión social. 


- Te recomendamos -