A reordenación da rede viaria da vila, custeada na súa totalidade por Endesa, é necesaria para que a central térmica cumpra coas exixencias da UE sobre emisión industriais
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción da nova circunvalación das Pontes de García Rodríguez- A actuación prevé a reordenación do sistema viario do núcleo desta localidade coruñesa, necesaria para que a central térmica de Endesa se adapte e cumpra coas exixencias da Unión Europa sobre emisións industriais. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace. https://bit.ly/2K0oIzm O orzamento estimado para as expropiacións é de máis de 251.000 euros, e o investimento base de licitación das obras ascende a 3,54 millóns de euros. O custe total da actuación será asumido na súa totalidade por Endesa Generación S.
A., correspondendo á Consellería de Infraestruturas e Vivenda supervisar o trazado e a contratación das obras, que ten previsto licitar nas vindeiras semanas.
En concreto, a intervención ten por obxecto acometer a reordenación do sistema viario neste municipio coruñés, executando un novo vial de acceso ao núcleo que sirva como circunvalación ao casco urbano das Pontes de García Rodríguez, separando a área industrial da residencial, e mantendo ao mesmo tempo a conexión existente coa Autovía Ferrol – Vilalba (AG-64).
A nova estrada servirá de alternativa á actual AC-861, terá 985 m de lonxitude, e comunicará a AC-101 coa rúa Alcalde José Vilaboy Pajón.
O vial contará con 3 glorietas, unha en cada extremo e outra intermedia como intersección coa rúa Areosa e a rúa de Acceso á Fábrica. Ademais, reordenarase outra intersección existente coa AC-101.
A actuación compleméntase cunha rede de sendas de mais de 2,4 km de lonxitude para facilitar a mobilidade peonil e ciclista, que se executará en paralelo ao novo vial e, tamén, en paralelo ao río Eume, polas dúas marxes do río, para conectar o novo vial e a AC-101 coas instalacións de Endesa.
Nesta intervención se inclúe ademais, a construción dun aparcadoiro disuasorio no entorno da Casa da Enerxía, na Avenida Alcalde Vilaboy, a remodelación do tramo inicial das rúas Areosa e Irmáns Tojeiro, e a reordenación da sección da ponte sobre o Eume da AC-861 (vía que quedará como entrada exclusiva á central térmica) para dar cabida á senda.
AntecedentesLembrar que para adaptar a Central Térmica de Carbón das Pontes aos requirimentos da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, Endesa Generación S.
A. debe executar instalacións de desnitrificación e desulfuración, que permitan prolongar a vida útil da instalación e manter a actividade mais alá do ano 2020.
A explotación destas instalacións require o uso por parte da empresa dos terreos polos que discorre a estrada autonómica AC-861, entre o punto quilométrico 26+670 (intersección AC-861 coa rúa Blanco Amor, excluíndo a rotonda) e o 27+550 (intersección da AC-861 coa rúa Alcalde José Vilaboy Pajón excluíndo a rotonda).
Este tramo está situado entre a Central Térmica e o río Eume, e o Ciclo Combinado de Gas, moi próximo ás instalacións da infraestrutura eléctrica e que rexistra un tráfico orixinado principalmente polos accesos á propia central e como conexión coa Autovía Ferrol-Vilalba.
A Xunta, que apoia o investimento que realiza Endesa na Central das Pontes, para posibilitar a reordenación do sistema viario no municipio coruñés, asinou un convenio de colaboración, a través das consellerías de Infraestruturas e Vivenda e a de Facenda, con Endesa Generación, S.
A. Mediante o convenio a empresa comprometeuse a asumir o custo das obras e a Xunta a impulsar a actuación.
- Te recomendamos -